Nova: A preestrea de Escenas do Cambio crea unha novela en vivo na estación de tren

28/01/2017

A preestrea de Escenas do Cambio crea unha novela en vivo na estación de tren

Tras a preestrea de Mariano Pensotti, este festival de inverno abrirá o pano o martes 31 de xaneiro no Museo Centro Gaiás coa intervención do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez

‘Perhaps all the dragons’ do colectivo belga BERLIN, a retrospectiva de Federico León ou a danza de Takao Kawaguchi, protagonistas da primeira semana

Santiago, 28 de xaneiro de 2017.- A estación de tren de Compostela converteuse hoxe nun improvisado escenario teatral coa preestrea da obra ‘A veces creo que te veo’ do arxentino Mariano Pensotti, coa que ‘Escenas do Cambio’, festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura deu comezo esta mañá. Da man dos escritores galegos Teresa Moure, Antía Otero, Carlos Santiago e Antón Lopo, a estación converteuse nunha sorte de papel na que se “escribiu” unha novela en vivo, involucrando aos usuarios da estación.

Con esta preestrea botou a andar a terceira edición de ‘Escenas do Cambio, festival dirixido por Pablo Fidalgo e que terá lugar na Cidade da Cultura entre o 28 de xaneiro e o 15 de febreiro, cun programa con 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes, e na que o teatro galego terá unha presenza destacada con nomes como Chévere, que presentará ‘Cheverografías’, Matarile Teatro con ‘Antes de la metralla’ o iLMaquinario, con ‘Resaca’, entre outros nomes.

Catro obras na primeira xornada

A apertura oficial do festival terá lugar o vindeiro martes, 31 de xaneiro, nun acto no Museo Centro Gaiás no que participará o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Ese mesmo día, o público terá a oportunidade de gozar de ata catro obras que xogan co espazo, os límites do teatro, a memoria e a danza.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá durante toda a semana ‘The Quiet Volume’ de Ant Hampton e Tim Etchells, na que se explorará a tensión deste espazo, mestura de silencio e lectura concentrada. Especial referencia merece a peza ‘Perhaps all the dragons’ do colectivo belga BERLIN, unha das compañías europeas que están a explorar con maior valentía os límites do teatro. Neste proxecto, a través dun instalación audiovisual comporá unha mesa redonda convidando ao público a un tête à tête con trinta historias, a modo dun barco á deriva ou unha nave espacial nunha viaxe de rumbo incerto.

Destaca tamén no programa desta semana a retrospectiva sobre Federico León, que presentará ‘Las ideas’ e ‘Yo en el futuro’, que se completará a vindeira semana cunha conferencia e a proxección de dúas das súas películas. Considerado o enfant terrible do teatro contemporáneo en Arxentina, Federico León ten levado ao extremo a idea de representación.

Os mundos da danza e o baile

A danza seguirá a ser outra das liñas do festival, con proxectos como o ‘Horion’ de Malika Djardi, unha das revelacións da escena francesa dos últimos anos, ou o de Takao Kawaguchi sobre a figura de Kazuo Onho, bailarín xaponés de butoh, coñecida como ‘a danza cara á escuridade’, un xeito de bailar de contido espiritual que xurdíu no Xapón da posguerra, na atmosfera dos vencidos e das vítimas das bombas atómicos.

Outras das propostas máis atractivas será o proxecto ‘Envoltura’, unha homenaxe á bailarina Antonia Mercé, La Argentina, renovadora do baile en España na primeira metade do século XX, unha das pioneiras da danza contemporánea e cunha biografía conectada coa república e cos movementos políticos da época –faleceu horas despois de coñecer o alzamento das tropas franquistas-. Artistas como Isabel de Naverán, Idoia Zabaleta, Patricia Caballero, Iñaki Azpillaga, Pedro G. Romero, Bobote e Camila Téllez participan nesta proposta. O festival programa tamén, neste contexto, a peza do coreógrafo norteamericano Trajal Harrell ‘The Return of La Argentina’.

Nesta primeira semana volverá repetirse ‘A veces creo que te veo’ de Mariano Pensotti e se se estrearán as performances de Loreto Martínez Troncoso, Alejandara Pombo e Magdalena Arau e terá lugar no Salón Teatro a estrea en Compostela da última produción da compañía galega ilMaquinario: ‘Resaca’.

Inicio dos laboratorios

Do mesmo xeito, nesta primeira semana arrancarán os catro Laboratorios, cos que ‘Escenas do Cambio’ quere reflexionar ao redor das artes escénicas e as súas fronteiras. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle entre o 31 de xaneiro e o 10 de febreiro os laboratorios ‘Suministros’ dirixido por Usue Arrieta e Vicente Vázquez, ‘Inicio-Estalla’ de Idoia Zabaleta, ‘Taller de Experimentación con Objetos Personales’ de Federico León e ‘Porque yo soy tú porque tú eres yo porque somos otros’ de Loreto Martínez e Alejandra Pombo.

As entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás e ataquilla.com. Ademais, pode consultarse todo o contido do festival no web escenadocambio.org e na Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal/gl/axenda

Comparte