Nova: A Biblioteca de Galicia exhibe os seus fondos sobre Álvaro Cebreiro co gallo do Día da Ilustración

30/01/2017

A Biblioteca de Galicia exhibe os seus fondos sobre Álvaro Cebreiro co gallo do Día da Ilustración

Como novidade desta conmemoración, a Consellería e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) inician este ano unha serie de homenaxes a autores históricos galegos, comezando por Álvaro Cebreiro

As bibliotecas públicas de xestión autonómica organizan obradoiros, exposicións e mostras bibliográficas para celebrar esta data, que coincide co nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro
 

Santiago, 30 de xaneiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a mostra bibliográfica ‘Álvaro Cebreiro: o trazo da vangarda’, organizada pola Biblioteca de Galicia. Durante a súa visita, destacou que se trata dun dos artistas gráficos “máis influentes do século XX, dun debuxante xenial que con moi poucos trazos era capaz de dicir moitísimo”, remarcou.

Así mesmo, Román Rodríguez chamou a atención sobre o traballo de Cebreiro, que foi quen de “imprimir signos de modernidade” na ilustración galega. Na visita tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; os sobriños de Cebreiro, Pilar e Álvaro Cebreiro del Río; e o seu cuñado, Alfonso Pose.

O Día da Ilustración 2017 celébrase nas bibliotecas de xestión autonómica cunha programación especial de actividades –como obradoiros, exposicións e mostras bibliográficas– para facer partícipe ao conxunto da cidadanía desta conmemoración, que forma parte do Calendario do Libro e da Lectura. Así mesmo, cómpre lembrar que a data conmemorativa do Día da Ilustración, o 30 de xaneiro, coincide co nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha figura indiscutible neste eido artístico.

Este ano, como novidade, iníciase unha serie de homenaxes a autores históricos galegos que, a instancias da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), comeza precisamente co debuxante, caricaturista e humorista gráfico Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956).

Unha trintena de pezas

En concreto, ‘Álvaro Cebreiro: o trazo da vangarda’ reúne máis de 31 pezas, entre libros, publicacións periódicas e manuscritos relacionados coa figura do artista, e que proceden das coleccións da Biblioteca de Galicia. A exposición pode visitarse ata o próximo 7 de marzo.

Tamén como homenaxe a Álvaro Cebreiro e co obxectivo de poñer en valor e de dar a coñecer entre a cidadanía o seu legado, a AGPI elaborou un vídeo que está accesible en liña en www.cultura.gal/dia-ilustracion, onde tamén se poden descargar o cartel e mais a programación completa de actividades do Día da Ilustración.

O caricaturista dunha época

Nado na Coruña en 1903, debuxante, pintor, ilustrador de libros e colaborador literario, Álvaro Cebreiro pasou á posteridade como un dos máis destacados humoristas gráficos galegos. Integrado nos círculos culturais da época, caricaturizou poetas, artistas, escritores e políticos cos que estableceu relacións de amizade.

Álvaro Cebreiro deu a coñecer as primeiras caricaturas aos 16 anos no xornal A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades da Fala fundadas en 1916. No local da Irmandade da Coruña presentou en 1920 a súa primeira exposición individual. A súa obra gráfica quedou tamén plasmada en xornais galegos como La Voz de Galicia, Galicia, El Noroeste, Faro de Vigo e no madrileño El Sol, así como nas revistas Alborada, Ronsel -da que foi director artístico- Alfar, Nós, Vida Gallega e na bonaerense Céltiga.
 

Comparte