Nova: Arranca Escenas do Cambio, un escaparate vivo do que acontece nas artes escénicas contemporáneas

31/01/2017

Arranca Escenas do Cambio, un escaparate vivo do que acontece nas artes escénicas contemporáneas

O festival de inverno supón unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina

Ata o 15 de febreiro, a Cidade da Cultura ofrece un total de 25 propostas de 10 países, entre os que destacan compañías galegas como Chévere, Matarile ou iLMaquinario
 

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considerou unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considerou unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considerou unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considerou unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considerou unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considerou unha ponte entre disciplinas como o teatro, o pensamento, o cine ou as artes visuais; así como de Galicia con América Latina

Santiago, 31 de xaneiro de 2017.- Un escaparate vivo do que acontece nas artes escénicas contemporáneas. Así definiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o festival ‘Escenas do Cambio’ durante a súa inauguración, que tivo lugar esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia.

Acompañado do director artístico do festival, Pablo Fidalgo; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; e da directora de Acción Cultural, María Pereira; o conselleiro de Cultura e Educación recordou que esta terceira edición de ‘Escenas do Cambio’ ofrece unhas 25 propostas distintas procedentes de 10 países. Unhas propostas que, tal e como dixo Román Rodríguez, buscan establecer un diálogo con outras disciplinas como o pensamento, o cine ou as artes visuais, tendo sempre como base a memoria, o teatro documental e experimentación.

Un lugar para o intercambio

Durante o acto de inauguración do festival, o conselleiro destacou a presenza dos “pioneiros na introdución das tendencias da contemporaneidade” en Galicia, como Chévere ou Matarile, ademais da aposta por montaxes de grupos que están a conquistar o seu espazo como iLMaquinario e artistas emerxentes cunha voz propia na escena, como Carol Fernández ou Loreto Martínez Troncoso. Finalmente, Román Rodríguez destacou o papel que ‘Escenas do Cambio’ cumpre como ponte entre Galicia e América Latina, coa presenza de autores como Mariano Pensotti ou Magdalena Arau.

Nestas ideas afondou a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quen recordou que nas dúas edicións anteriores, ‘Escenas do Cambio’ se ten constituído como un territorio para a creación contemporánea, para impulsar a visibilidade dos nosos artistas, para promover o traballo desde a vangarda, favorecendo a relación, a comunicación, a escoita do que está a acontecer no resto do mundo. “Queremos converter ‘Escenas do Cambio’ en moito máis que un lugar para a exhibición. Queremos que sexa unha celebración do intercambio, unha oportunidade para a reflexión, un lugar para debate desde un espírito de apertura”, asegurou.

Apertura con Malika Djardi e Federico León

Tras o acto, ‘Escenas do Cambio’ acolleu a obra ‘Horion’ de Malika Djardi, unha das revelacións da escena francesa dos últimos anos. Nesta primeira xornada, o público puido gozar na Biblioteca e Arquivo de Galicia de ‘The Quiet Volume’ de Ant Hampton e Tim Etchells, na que se explorará a tensión deste espazo, mestura de silencio e lectura concentrada. Así mesmo, tiveron lugar os primeiros pases de ‘Perhaps all the dragons’ do colectivo belga BERLIN, unha das compañías europeas que están a explorar con maior valentía os límites do teatro. Neste proxecto, a través dun instalación audiovisual comporá unha mesa redonda convidando ao público a un tête à tête con trinta historias, a modo dun barco á deriva ou unha nave espacial nunha viaxe de rumbo incerto.

Destaca tamén no programa desta semana a retrospectiva sobre Federico León, que presentará ‘Las ideas’ e ‘Yo en el futuro’, que se completará a vindeira semana cunha conferencia e a proxección de dúas das súas películas. Considerado o enfant terrible do teatro contemporáneo en Arxentina, Federico León ten levado ao extremo a idea de representación.

Homenaxe a ‘La Argentina’

A danza seguirá a ser outra das liñas do festival, con proxectos como o ‘de Takao Kawaguchi sobre a figura de Kazuo Onho, bailarín xaponés de butoh, coñecida como ‘a danza cara á escuridade’, un xeito de bailar de contido espiritual que xurdiu no Xapón da posguerra, na atmosfera dos vencidos e das vítimas das bombas atómicos.

Outras das propostas máis atractivas será o proxecto ‘Envoltura’, unha homenaxe á bailarina Antonia Mercé, La Argentina, renovadora do baile en España na primeira metade do século XX, unha das pioneiras da danza contemporánea e cunha biografía conectada coa república e cos movementos políticos da época –faleceu horas despois de coñecer o alzamento das tropas franquistas-. Artistas como Isabel de Naverán, Idoia Zabaleta, Patricia Caballero, Iñaki Azpillaga, Pedro G. Romero, Bobote e Camila Téllez participan nesta proposta. O festival programa tamén, neste contexto, a peza do coreógrafo norteamericano Trajal Harrell ‘The Return of La Argentina’.

Nesta primeira semana volverá repetirse ‘A veces creo que te veo’ de Mariano Pensotti, na que catro escritores galegos –Teresa Moure, Antía Otero, Antón Lopo e Carlos Santiago– tecen historias das persoas anónimas que pasan pola estación de tren de Santiago. Do mesmo xeito, durante esta primeira semana estrearanse as performances de Loreto Martínez Troncoso, Alejandra Pombo e Magdalena Arau e terá lugar no Salón Teatro a estrea en Compostela da última produción da compañía galega IlMaquinario: ‘Resaca’.

Inicio dos laboratorios

Hoxe tamén deron comezo na Cidade da Cultura os catro Laboratorios, cos que ‘Escenas do Cambio’ quere reflexionar ao redor das artes escénicas e as súas fronteiras. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle entre o 31 de xaneiro e o 10 de febreiro os laboratorios ‘Suministros’ dirixido por Usue Arrieta e Vicente Vázquez, ‘Inicio-Estalla’ de Idoia Zabaleta, ‘Taller de Experimentación con Objetos Personales’ de Federico León e ‘Porque yo soy tú porque tú eres yo porque somos otros’ de Loreto Martínez e Alejandra Pombo.

As entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás e en ataquilla.com. Ademais, pode consultarse todo o contido do festival no web escenasdocambio.org.
 

Comparte