Nova: O disco Evocación recupera unha das facetas máis descoñecidas do compositor Reveriano Soutullo
31/01/2017
O disco Evocación recupera unha das facetas máis descoñecidas do compositor Reveriano Soutullo
O músico Alejo Amoedo reúne a obra para piano só do mestre de Ponteareas, un total de 20 composicións para un repertorio de música de salón
Editado por Dos Acordes co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, o CD preséntase mañá 1 de febreiro, ás 20:00 horas, nunha charla-concerto de entrada libre e acceso gratuíto que terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2017.- O músico Alejo Amoedo recupera no seu novo disco unha das facetas máis descoñecidas do mestre Reveriano Soutullo (1880-1932): o seu repertorio de piano de salón. Editado por Dos Acordes, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, baixo o título ‘Evocación’, o disco é froito do traballo de investigación realizado por Alejo Amoedo, que interpreta ao piano as 20 composicións que o conforman.
O propio pianista Alejo Amoedo presentará mañá, ás 20:00 horas, o seu traballo nunha charla-concerto que terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e que será de acceso libre e gratuíto.
Trátase da primeira vez que se grava en CD e se comercializa a obra para piano só do compositor galego, un repertorio que se enmarca na denominada música de salón, pupularizada no século XIX e na primeira metade do XX e da que formaron parte os valses, as mazurcas, as polcas, as habaneras, as fantasías sobre temas populares de inspiración folclórica, as zarzuelas, as baladas e as elexías, entre outras.
O repertorio
O álbum recolle 20 pezas pertencentes a tres ciclos, ademais doutras independentes. As pezas que o conforman son a mazurca ‘¡Solo por ti!’, o ciclo Manón. Colección de bailes fáciles para piano (coa habanera ‘Ensueños de Manón’ e a polca ‘Las delicias de Manón)’; ‘Veira d’o mar. Melodía galega’; o ciclo En Noche de Luna. Colección de seis piezas fáciles para piano (co valse ‘Amor que nace, a habanera ‘Declaración romántica’, a polca ‘El sí de la doncella, a mazurca ‘Entrevista amorosa’, o scottish ‘¿Celos?’ e a xota ‘Idealidad’), ‘Arabesca. Capricho árabe para piano’, o ciclo En la playa. Colección de bailes fáciles para piano (cun valse, unha mazurca, unha polca, unha habanera, un fox-trot e unha xota), ‘Eclipse de luna. Waltz lento de la zarzuela La siega’, de Lorenzo Andreu e Soutullo, o valse ‘La Casta Susana’ e ‘Evocación’, valse lento para piano que lle dá título ao traballo.
Acompaña o disco un libreto de 36 páxinas presentado pola presidenta da Fundación Reveriano Soutullo Otero, Rosa María Arija Soutullo, e mais polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Villanueva. O texto introdutorio ofrece información sobre os estudos de piano realizados polo compositor de Ponteareas e sobre a súa obra para piano, que se contextualiza na denominada música de salón. Complétase o libreto cunha descrición das pezas e unha cronoloxía vital do compositor, xunto con fotografías e imaxes inéditas.
Recuperar e difundir o patrimonio musical galego
A colaboración da Xunta de Galicia con este disco enmárcase no interese da Secretaría Xeral de Cultura por favorecer a recuperación e a difusión do patrimonio musical galego. Con este mesmo obxectivo, a Consellería de Cultura e Educación e Dos Acordes presentaban tamén o pasado mes de decembro o primeiro volume das obras para piano do compositor Juan Montes, nunha edición crítica a cargo de Joám Trillo.