Nova: Ler conta moito 2017 ofrece un catálogo con máis de 180 propostas para dinamizar a lectura nas bibliotecas

01/02/2017

Ler conta moito 2017 ofrece un catálogo con máis de 180 propostas para dinamizar a lectura nas bibliotecas

Os centros bibliotecarios interesados en participar no programa da Secretaría Xeral de Cultura deberán solicitar entre o 1 e o 15 de febreiro un mínimo de dúas actividades

  • Rosa Caramelo e outras histoiras forman parta
  • Xardín Desordenado tamén forma parte do catálogo

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2016.- O catálogo de actividades de Ler conta moito 2017 pon ao dispor da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia un total de 186 propostas para dinamizar a lectura. Os centros bibliotecarios interesados en participar na quinta edición do programa da Secretaría Xeral de Cultura deberán solicitar entre o 1 e o 15 de febreiro un mínimo de dúas actividades segundo as súas preferencias e necesidades.

As propostas que conforman o catálogo están dirixidas a todo o público das bibliotecas, con actividades para todas as idades e mesmo para colectivos con necesidades especiais. Contacontos, obradoiros de ilustración, actividades arredor do audiovisual e da maxia, e mais propostas musicais, con monicreques, de teatro e de danza centran o novo catálogo de Ler conta moito. Nel participan escritores e escritoras como Yolanda Castaño, María Canosa, Estíbaliz Espinosa, Marcos Calveiro e Xurxo Souto; os ilustradores Anxo Fariña, Óscar Villán, María Lires, Santy Gutiérrez e Xosé Tomás, os músicos Pablo Díaz, Xoán Curiel, Paco Nogueiras e Magín Blanco; o mago Albert, Christyan Magic e Leo Leíño; e compañías e grupos como Sarabela Teatro, Talía Teatro, Elefante Elegante, Migallas Teatro, Títeres Cachirulo, Viravolta Títeres e Os Tres Tenedores, entre outros.

Propostas arredor de Carlos Casares

No ano no que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas, a figura de Carlos Casares tamén será protagonista de Ler conta moito, con propostas musicais como as do grupo Xardín Desordenado, e de música e maxia, da man de Álvaro Muras; xunto coas actividades ‘Carlos Casares no país das marabillas’, a cargo de Xosé Carlos Caneiro, ‘Carlos Casares e a xeración dos 60’, con Xesús Manuel Valcárcel, ‘Unha viaxe ao mundo de Carlos Casares’, guiada por Sole Felloza, e ‘Babacontos con Carlos Casares’, de Larraitz.

Financiamento das actividades

O Goberno galego asume o custo do 75% de cada unha das actividades programadas polas bibliotecas que se adhiran ao programa, cun máximo de investimento de 850 euros por cada unha, mentres que as entidades locais financian o 25% restante. O período de programación de actividades da nova edición de Ler conta moito comprenderá do 13 de marzo ao 27 de outubro de 2017.

O programa Ler conta moito da Secretaría Xeral de Cultura ten como obxectivo principal animar á lectura a través do desenvolvemento de accións atractivas vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento a ese mundo completo que poden atopar nos espazos bibliotecarios, tanto a través dos libros como a través dos materiais audiovisuais e informativos.

En 2016 organizáronse a través deste programa un total de 730 actividades de animación á lectura que chegaron ás bibliotecas públicas de 149 concellos de toda Galicia.

Comparte