Nova: Cultura ten previsto declarar BIC este ano o mural de Lugrís Vista da Coruña 1669

01/02/2017

Cultura ten previsto declarar BIC este ano o mural de Lugrís Vista da Coruña 1669

Así o avanzou o conselleiro na súa visita aos traballos de restauración desta peza

  • O conselleiro de Cultura visitou os traballos de restauración desta peza
  • Recreación do mural xa restaurado. FOTO: Abanca

A Coruña, 1 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou os traballos de restauración do mural ‘Vista da Coruña 1669’, de Urbano Lugrís, que se están a executar no acceso á oficina principal de ABANCA na Coruña pola rúa Olmos. Segundo explicou, o seu departamento ten previsto que dentro deste mesmo ano a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) desta icónica peza poida ser unha realidade, xa que os trámites transcorren dentro dos prazos previstos.

Neste sentido o conselleiro lembrou que desde o primeiro momento os traballos de división do mural, traslado e restauración do mesmo estanse a levar a cabo cos máximos controis por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a través da supervisión directa por parte de persoal do departamento. Non en balde, o mural goza da máxima protección patrimonial desde que no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo de 2016 se incoara o expediente de declaración como BIC.

Román Rodríguez quixo agradecer á entidade o seu labor en prol da conservación desta peza, así como a súa disposición á divulgación da mesma, sendo posible tanto acceder aos actuais traballos de restauración como contemplar o mural unha vez rematen, dado que estará exposto na devandita sede en horario por determinar.

Obra do coruñés Urbano Lugrís e enmarcada no surrealismo galego de mediados do século pasado, a obra é unha peza dun valor cultural clave, especialmente para a cidade herculina. Nela pódese contemplar unha paisaxe onírica e figurativa da península da Coruña, cun primeiro plano da cidade e coa presenza de elementos icónicos da urbe como a torre de Hércules, o castelo de Santo Antón, a cidade vella ou os desaparecidos muíños de vento de Monte Alto. Ao longo da súa historia puido contemplarse en diferentes contextos, nomeadamente un salón de baile da rúa Real, a sede na cidade de varias entidades bancarias e o Caffé Vecchio.

Na visita aos traballos de restauración acompañou ao conselleiro o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro. Pola parte de ABANCA asistiron o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación da entidade, Miguel Ángel Escotet; e o xerente de Responsabilidade Social Corporativa, Fernando Filgueiras.
 

Comparte