Nova: O teatro galego é protagonista da segunda semana de Escenas do Cambio

06/02/2017

O teatro galego é protagonista da segunda semana de Escenas do Cambio

Chévere e Matarile celebran os seus 30 anos de traxectoria con ‘Cheverografías. Compostela 8717’, percorrido emocional por Compostela, e ‘Antes de la metralla’

O festival de teatro do Gaiás ollará a América Latina co Mateluna de Guillermo Calderón, a segunda parte da retrospectiva de Federico León a estrea de Manuela Infante; e a África con ‘Os solos da Marrabenta’ de Panaibra Gabriel Canda

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2016.- A segunda semana de ‘Escenas do Cambio’, o festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura estará protagonizada polo teatro galego. Chévere e Matarile celebran os seus trinta anos de historia con ‘Cheverografías. Compostela 8717’ e ‘Antes de la metralla’ respectivamente.

A ollada á escena galega convivirá coa atención ao teatro contemporáneo de América Latina, con propostas de nomes imprescindibles como Federico León, Guillermo Calderón ou Manuela Infante. Xunto a estas montaxes, ‘Escenas do Cambio’ ollará unha vez máis a África co monzabiqueño Panaibra Gabriel Canda.

A partir de hoxe luns e ata o mércores, ‘Escenas do Cambio’ percorrerá da man de Chévere as rúas de Compostela, no proxecto ‘Cheverografías. Compostela 8717’, nunha experiencia teatral superposta sobre o mapa urbano de Compostela, a cidade natal desta compañía, e na que o público participará a través de reprodutores mp3. O venres tomará o relevo Matarile Teatro, a compañía de Ana Vallés, que trae ao Gaiás o seu ‘Antes de la metralla’, concibida como un encontro real entre persoas que expoñen orientacións e interpretacións da escena contemporánea desde diferentes ángulos, perspectivas ou implicacións.

América Latina estará representada por Federico León que, tras presentar ‘Yo en el futuro’ e ‘Las ideas’ participará este martes nunha conferencia tras a proxección de dúas das súas películas ‘Estrellas’ e ‘Entrenamiento elemental para actores. O teatro social e político volve ter presenza entre as propostas que chegan de América, como ‘Mateluna’, do chileno Guillermo Calderón, que explora a idea de xustiza e dos ‘perversos mecanismos do Estado’, a través da historia dun ex guerrilleiro. Pecha esta tríada de latinoamericanos Manuela Infante con ‘Aparato radical’, concibida como unha obra “vexetal”.

África volverá estar presente no campo da danza con ‘Os solos da Marrabenta’ do monzabiqueño Panaibra Gabriel Canda, unha coreografía en torno á música marrabenta, nacida nos anos cincuenta da combinación de influencias europeas e africanas, ligada á historia de Mozambique, antiga colonia de Portugal.

Completan o programa ‘Introducing the star’ de Pablo Esbert e Federico Strate, as performances de Loreto Martínez Troncoso e Alejandra Pombo ou de Usue Arrieta e Vicente Vázquez. As entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás e ataquilla.com. Ademais, pode consultarse todo o contido do festival no web escenadocambio.org e na Axenda de Cultura de Galicia www.cultura.gal/gl/axenda

 

Comparte