Nova: Patrimonio frea a demolición do cine Zárate de Mugardos polo seu valor cultural e arquitectónico

03/02/2017

Patrimonio frea a demolición do cine Zárate de Mugardos polo seu valor cultural e arquitectónico

A Dirección Xeral acaba de emitir unha orde de suspensión contra esta actuación, que acaba de ser remitida ao concello

Santiago, 3 de febreiro de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de emitir unha orde de suspensión da demolición do cine Zárate de Mugardos, que foi remitida hoxe mesmo ao propio Concello.

Con esta decisión, Patrimonio busca defender os valores culturais e arquitectónicos do edificio, cuxa demolición suporía “unha perda irreparable”, segundo consta no informe realizado polos técnicos da Dirección xeral. Deste xeito, e tras valorar o documento técnico, concluíuse ordenar a suspensión da demolición do cine e notificarlle ao concello de Mugardos esta resolución, lembrando que calquera actuación neste contorno debe contar co informe previo da Dirección xeral do Patrimonio Cultural, co fin de que poida alegar o que estime conveniente.

Ademais, desde Patrimonio tamén se realizarán os trámites previos para valorar a procedencia da incoación da catalogación do cine Zárate no prazo de dous meses e, de ser o caso, establecer o acaído alcance da súa protección.
 

Comparte