Nova: Cultura impulsará o sector editorial galego con máis de 1,7 millóns de euros

09/02/2017

Cultura impulsará o sector editorial galego con máis de 1,7 millóns de euros

A dinamización do comercio interior e exterior do libro, o apoio á edición a través de convocatorias públicas de subvencións, a colaboración cos principais axentes do sector e a mellora dos servizos bibliotecarios centran as liñas de actuación da Secretaría Xeral de Cultura en 2017 neste ámbito

Para aumentar os índices de lectura, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo impulsará un plan específico no marco da Estratexia da Cultura Galega 2021

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá este ano máis de 1,7 millóns de euros no impulso do sector editorial galego, a través de diversas convocatorias de subvencións e de actuacións de dinamización do comercio do libro, de colaboración cos principais axentes profesionais do sector, de impulso á creación literaria e de mellora dos servizos bibliotecarios galegos.

Así o explicou esta tarde na Comisión 4º do Parlamento de Galicia o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen afirmou que, “a través das liñas de acción planificadas para este ano 2017 e, no horizonte dos próximos catro anos, coa elaboración da Estratexia da Cultura Galega, o Goberno galego centrará os seus esforzos en consolidar a industria editorial de Galicia, en impulsar a difusión do libro galego e en dinamizar o hábito lector entre a cidadanía”.

Anxo Lorenzo enmarcou as liñas de actuación que a Consellería está a desenvolver no ámbito do libro e da lectura no cumprimento do marco legal vixente, nomeadamente a Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia. Así mesmo, sinalou que con elas se trata de facer fronte ás dificultades dun sector que ten numerosos retos por diante e que debe aproveitar fortalezas como a calidade da produción editorial galega e o destacado lugar que vén ocupando a literatura infantil e xuvenil no conxunto da produción.

Fomento da lectura cun plan específico
Para incrementar os índices de lectura afirmou que, no marco da Estratexia da Cultura Galega 2021 –que recollerá as principais liñas de actuación e as prioridades nas políticas culturais e no investimento público nesta materia no horizonte dos próximos 4 anos–, o Goberno galego impulsará un plan específico da lectura, que se dirixa a potenciar as estratexias de capacitación e competencia lectora da sociedade galega, nomeadamente a partir do labor desenvolvido desde a Rede de Bibliotecas Públicas e desde a Rede de Bibliotecas Escolares.

Políticas de apoio á edición

No referido ás axudas impulsadas polo seu departamento, concretamente ás liñas de subvencións á adquisición de novidades editoriais en galego, á tradución de obras e á mellora das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, lembrou que o investimento das convocatorias publicadas neste ano ascende a 750.000 euros, o que supón un incremento de orzamento do 13,6% respecto das anteriores.

O libro galego no mercado editorial internacional

De cara a impulsar a dinamización comercial do sector, ademais das Feiras do Libro de Galicia, recordou a presenza do libro galego nas principais citas internacionais do sector. Concretamente este ano, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, o libro galego estará presente con espazo propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, e nas feiras de Frankfurt, de Guadalaxara e de Bos Aires.

O papel das bibliotecas

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo destacou tamén o papel fundamental das bibliotecas en prol do acceso gratuíto e en igualdade ao libro e á lectura. Para mellorar os servizos bibliotecarios, o seu departamento, ademais das liñas de axudas para a mellora e a renovación das coleccións, está a centrar os seus esforzos en garantir unha programación completa e de calidade de actividades de dinamización da lectura en todo o territorio, xunto coa aposta pola oferta de libros electrónicos, a través da plataforma GaliciaLe, e a mellora das instalacións e do equipamento.

Así mesmo, lembrou as melloras iniciadas en 2016 coa integración de todos os centros bibliotecarios da rede pública galega nun sistema de xestión único, o Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, o que permitiu a creación dun catálogo colectivo e dun carné único, que funciona como ferramenta de entrada a todas as bibliotecas da rede.

Comparte