Nova: Mazurca para Camilo José Cela reúne 16 traballos sobre a figura e a obra do premio Nobel galego
11/02/2017
Mazurca para Camilo José Cela reúne 16 traballos sobre a figura e a obra do premio Nobel galego
O libro-homenaxe presentouse no Museo Centro Gaiás coa presenza do director da Real Academia Española, Darío Villanueva
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación da obra 'Mazurca para Camilo José Cela', un libro homenaxe que reúne 16 traballos sobre a figura e a obra do premio Nobel galego, e que ve a luz no selo de Auga Editora, ao abeiro do centenario do escritor.
O director da editorial, Xosé A. Perozo; o promotor da iniciativa, Paco López-Barxas; e o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, que é o autor do prólogo e dun dos textos que conforman o volume, abordaron no acto a orixe da obra e a figura de Cela, ao que lle rende homenaxe a publicación.
O acto, que estivo conducido pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, tivo lugar no Museo Centro Gaiás, onde se pode visitar ata o día 19 de febreiro a exposición 'Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade'.
'Mazurca para Camilo José Cela', que ten a súa orixe na publicación editada hai 30 anos para celebrar o 70 aniversario do escritor, conta cun novo prólogo de Darío Villanueva e inclúe algúns textos corrixidos e aumentados, como o que asina César Antonio Molina a propósito da poesía do autor de Iria Flavia.