Nova: Cincuenta actores e actrices participarán nas probas para o elenco de Martes de Carnaval do CDG
10/02/2017
Cincuenta actores e actrices participarán nas probas para o elenco de Martes de Carnaval do CDG
Nas audicións, que se celebrarán do 13 ao 16 de febreiro, escolleranse os 10 intérpretes que encarnarán 35 personaxes
Marta Pazos dirixirá as dúas pezas que compoñen o espectáculo, ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’
A montaxe estrearase o 20 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela
Santiago, 10 de febreiro de 2017.- O Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá a próxima semana, do 13 ao 16 de febreiro, as probas de interpretación para seleccionar o elenco da súa próxima produción, ‘Martes de Carnaval’, de Ramón María del Valle-Inclán. Un total de 50 actores e actrices concorrerá a estas audicións, nas que se decidirán os 10 profesionais (4 protagonistas e 6 principais) que encarnarán os 35 personaxes das dúas pezas do espectáculo: ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.
A pontevedresa Marta Pazos, directora, actriz e artista plástica da compañía Voadora, artífice de espectáculos como ‘Calypso’, ‘Don Juan’, ‘Waltz’ ou ‘A Tempestade,’ será a directora de escena das dúas obras que compoñen a montaxe, despois de que Tito Asorey, inicialmente proposto para asumir ‘As galas do defunto’, renunciase á súa participación por non chegar a un acordo sobre os determinantes legais que rexen o proceso de selección de actores, de obrigado cumprimento para a Administración pública.
Esta renuncia supuxo unha revisión e reorganización das datas das probas, polo que os ensaios darán comezo o 27 de febreiro. ‘Martes de Carnaval’ estrearase finalmente o 20 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela e manterá os días de representación nos restantes escenarios galegos nos que está programada.
Presentadas 244 persoas
Os candidatos e candidatas que concorrerán ás audicións superaron a primeira parte de selección do proceso, consistente na valoración do currículo profesional. Foron 244 as persoas que se presentaron a esta convocatoria, publicada o pasado 19 de decembro.
‘Martes de Carnaval’ é a produción propia para 2017 do CDG, unidade dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa que a compañía pública se suma á posta en escena de Valle-Inclán en galego no ano no que a obra do autor arousán pasa a dominio público e pode ser traducida a calquera lingua.