Nova: Conecta Fiction abre a recepción de proxectos de coprodución e a inscrición de profesionais
14/02/2017
Conecta Fiction abre a recepción de proxectos de coprodución e a inscrición de profesionais
Este primeiro encontro de contidos de ficción para televisión entre Europa, América Latina e Estados Unidos de fala hispana desenvolverase do 21 ao 23 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago
A presentación de propostas para o ‘pitching’ de series e miniseries deberá realizarse a través da web www.conectafiction.com entre mañá e o 15 de abril
A Xunta de Galicia, a través da Agadic, promove este evento xunto co ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE
Santiago, 14 de febreiro de 2017.- Conecta Fiction abre mañá o prazo de presentación de proxectos para o seu foro de coprodución de series e miniseries de televisión, así como para o rexistro dos profesionais e empresas que desexen participar neste evento internacional, que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, do 21 ao 23 de xuño. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), é unha das entidades promotoras deste encontro, o primeiro dedicado á ficción televisiva que conectará Europa con América Latina e Estados Unidos de fala hispana.
A sesión de ‘pitching’ de coprodución internacional será unha das actividades de acceso profesional do Conecta Fiction, para a que se elixirán un total de 10 proxectos de series e miniseries de entre todos os que se reciban desde mañá e ata o 15 de abril a través da web www.conectafiction.com. Poderán optar a esta convocatoria aquelas propostas que conten cando menos cun 10% do seu financiamento cuberto, teñan un enfoque internacional e unha clara adecuación para ser coproducidas, así como conexión coa cultura española e latinoamericana.
Comité internacional
O comité de selección está integrado por seis destacados profesionais do medio a nivel internacional, vinculados todos eles coa produción de ficción para televisión: Alexander Keil, produtor executivo en Producers at Work (Alemaña); Carolina Gómez, responsable de desenvolvemento de proxectos en Underground Producciones (Arxentina); Albert Sagalès, presidente da asociación Pro-Ficció e responsable do departamento de coproducións de Diagonal TV (España); Anaïs Schaaf, guionista e produtora de series como ‘El Ministerio del Tiempo’ (España); Charline de Lepine, responsable de Macondo Productions (Francia); e Francisco Cordero, director de BTF Media (México).
Tamén a través da web de Conecta Fiction estará aberto desde mañá o rexistro de empresas e profesionais neste evento, para o que se está a pechar un programa centrado no talento, no financiamento e na produción e que –a través da sesión de ‘pitching’, entre outras actividades– lles dará prioridade á presentación e ao estudo de proxectos cara á negociación e o peche de acordos de coprodución.
O obxectivo último é xerar na Cidade da Cultura de Galicia un espazo propicio para que os ámbitos creativo e empresarial entren en contacto directo mediante a participación de produtores executivos, directores, guionistas, compositores, inversores, coprodutores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais. Ademais, está prevista a organización de diferentes accións para compartir este evento co público xeral.
Promotores e colaboradores
Xunto coa Agadic, tamén participan como promotores do evento o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE. A produción corre a cargo da empresa Inside Content e cóntase, ademais, coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura, a Televisión de Galicia, o Concello de Santiago, o Clúster Audiovisual Galego (Clag), o Máster de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e a Fundación Media Europa. Arxentina será o país convidado desta primeira edición.
Conecta Fiction, que iniciou a súa rolda de presentacións profesionais a primeiros de xaneiro nun acto celebrado na Casa de Galicia en Madrid, está a ser difundido tamén nos principais mercados do sector, como o recente NATPE Miami ou o European Film Market que está a ter lugar estes días no marco do Festival Internacional de Cine de Berlín.