Nova: A Coruña inaugura a rúa Sinfónica de Galicia
14/02/2017
A Coruña inaugura a rúa Sinfónica de Galicia
"Celebramos que a Cidade da Coruña siga escribindo o seu presente desde a súa identificación coas artes", dixo o secretario xeral de Cultura no acto de descuberta da placa coa nova denominación
A Coruña, 14 de febreiro de 2017.- A cidade herculina inaugurou esta mañá a rúa Sinfónica de Galicia, que substitúe no rueiro do municipio a antiga Cabo Santiago Gómez, en cumprimento da Lei de memoria histórica.
"Desde a Xunta de Galicia", dixo o secretario xeral de Cultura, celebramos que a Cidade da Coruña siga escribindo o seu presente desde a súa identificación coas artes.
“A afección e a vivencia intensa da música da cidadanía da Coruña non é algo novo; é, de certo, parte do ADN da cidade, non só como berce de bos intérpretes, senón, e sobre todo, de cidadáns e cidadás que de maneira permanente veñen facendo patente o seu interese polos concertos, de todo xénero, e a súa identificación cos proxectos musicais da cidade", afirmou Anxo Lorenzo durante o acto de descuberta da placa, que tamén contou con membros da corporación municipal e da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Segundo precisou, “a orquestra galega, que ademais ten a súa sede nesta cidade, é un orgullo para o proxecto cultural que hoxe construímos”. “A nosa en hora boa por integrar o seu nome no rueiro da cidade, por integalo nas palabras que debuxan a trama da cidade. E, sobre todo, en hora boa á orquestra por gañar o seu espazo, con boa música, na vida das persoas que a habitan”, concluíu.