Nova: Un documental afonda na vinculación de Julio Cortázar con Galicia

14/02/2017

Un documental afonda na vinculación de Julio Cortázar con Galicia

Juan de la Colina dirixe a peza audiovisual ‘Cortázar Galicia’, que se proxectou na sede da Fundación Eugenio Granell co apoio da Secretaría Xeral de Cultura

  • A sede da Fundación Eugenio Granell acolleu esta tarde a proxección do documental ‘Cortázar Galicia’ A sede da Fundación Eugenio Granell acolleu esta tarde a proxección do documental ‘Cortázar Galicia’

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2017.- A sede da Fundación Eugenio Granell acolleu a proxección do documental ‘Cortázar Galicia’, unha peza audiovisual dirixida por Juan de la Colina arredor das viaxes que o escritor arxentino e Aurora Bernárdez realizaron a Galicia nos anos 1956 e 1957.

Durante a presentación do traballo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese da obra para afondar na intensa vinculación que o autor arxentino mantivo con Galicia, así como na presenza que esta terra tivo no seu universo literario. Tamén recordou o papel da primeira muller de Cortázar, Aurora Bernárdez, nesta relación, que, con todo, xa comeza antes de que o escritor a coñeza.

As cartas e outros textos sobre as viaxes que Julio Cortázar fixo a Galicia son a base desta peza documental, producida por Miramemira coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, e que se apoia en documentación facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), pola Fundación Juan March e pola Fundación Luís Seoane.

Un achegamento ao universo galego de Cortázar

O arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar foi depositado por Aurora Bernández no Centro Galego de Artes da Imaxe, xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e O.U., no ano 2006 para a súa custodia e conservación.

Producido por Miramemira coa colaboración da Xunta de Galicia, o documental estreouse en 2014 no marco do centenario do escritor, co obxectivo de favorecer o achegamento ao universo galego dun dos nomes máis destacados da literatura universal.
 

Comparte