Nova: A RAG edita un libro cos 1.500 apelidos máis frecuentes para facilitar a corrección de formas deturpadas

15/02/2017

A RAG edita un libro cos 1.500 apelidos máis frecuentes para facilitar a corrección de formas deturpadas

Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización recolle nunha listaxe normalizada que abranguen en conxunto preto do 90 % da poboación galega

O traballo, froito da colaboración entre a Xunta e o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, será distribuído nos xulgados de paz e rexistros civís de Galicia para facilitar a regularización dos apelidos galegos deturpados

 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2017.-  O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acudiron á sede da Real Academia Galega (RAG) para presentar 'Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización'. Este traballo, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Seminario de Onomástica da RAG, será distribuído nos xulgados de paz e rexistros civís e estará a disposición do funcionariado na intranet da Dirección Xeral de Xustiza para facilitar a regularización dos apelidos patrimoniais galegos deturpados.

Durante a presentación, o titular de Política Lingüística destacou que esta “é unha publicación cunha orientación claramente práctica e, como o seu título di, dirixida á normalización lingüística, pois o seu fin é restituírlles aos galegos e galegas que así o queiran unha parte importante do seu patrimonio lingüístico, inmaterial e tamén familiar, que moitas veces lles foi subtraído sen o seu consentimento”. Recalcou que a obra “axuda a difundir e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e facilita o labor do funcionariado encargado de facelo”.

Pola súa banda, o director xeral de Xustiza sinalou que como di no preámbulo o presidente da RAG, “a primeira obriga dun falante é chamar ás cousas polo seu nome, polo verdadeiro nome”, aquel que nos diferenza e individualiza e que tamén nos pon en relación a un territorio.

A disposición dos profesionais da xustiza e de toda a cidadanía

Así, hoxe en día o Rexistro Civil é un servizo público, encargado de deixar constancia dos feitos ou actos relativos ao estado civil das persoas naturais, así como outros que as leis lle encomenden. Nel inscríbense os nacementos, a filiación, o nome e apelido das persoas, os falecementos reais ou presuntos, os matrimonios. Así mesmo, pode corresponderlle, segundo o país, o rexistro das gardas, a patria potestade, as emancipacións, as nacionalizacións e o rexistro de profesionais. A obra está xa na intranet de Xustiza a disposición dos Xulgados e dos Rexistros Civís, ademais de no Portal da Lingua Galega.

O libro é un avance do dicionario de apelidos galegos no que está a traballar o Seminario de Onomástica, unha obra que, ademais de incrementar a listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou histórico. Cando estea rematado, "xa non haberá razón ningunha para acometer máis antroponimicidios", salientou Xesús Alonso Montero.

Valentín García Gómez e Juan José Martín Álvarez estiveron acompañados no acto polo presidente e o secretario da RAG, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo Romero, respectivamente. Ademais, e dado que a responsable da edición, Ana Isabel Boullón, se encontra fóra de Galicia, proxectouse un vídeo coa súa intervención, no que deu conta das características da obra presentada e destacou que con ela se pretende “avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo" .

1500 apelidos galegos

'Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización' é froito da colaboración da Xunta de Galicia co Seminario de Onomástica da RAG dirixido pola profesora e académica correspondente Ana Isabel Boullón. Nel recóllense os criterios empregados pola Real Academia -institución responsable por lei dos aspectos normativos da lingua galega- para estandarizar os apelidos galegos, pensando especialmente na recuperación daqueles que foron castelanizados a partir do século XVI e, de maneira particularmente intensa, durante o franquismo.

O libro ten tamén un capítulo que recolle a listaxe normalizada dos 1500 apelidos galegos máis frecuentes e outro coas correspondencias entre as variantes non estándar e as formas recomendadas. Complétase co breve artigo da profesora Ana Isabel Boullón 'Os apelidos, patrimonio individual e patrimonio colectivo', así como co limiar do presidente da RAG 'Os nomes -e os apelidos- teñen dereitos'. A obra será distribuída pola Xunta de Galicia entre o persoal encargado dos rexistros civís e mais dos xulgados de paz e estará a disposición do funcionariado na intranet da Dirección Xeral de Xustiza, co fin de que poida cumprir o cometido normalizador para o que foi creada.

Colaboración coa RAG

A publicación e difusión de 'Os apelidos en galego' enmárcase nas accións que a Xunta de Galicia está desenvolvendo para a promoción da lingua propia de Galicia no ámbito da Xustiza -entre as que se pode sinalar a recente posta en marcha do Portal Xurídico Galego-, así como nas liñas de colaboración coa RAG, entre as que se pode destacar a orientada a desenvolver o proxecto Toponimia de Galicia.

Comparte