Nova: A Xunta conmemora o Día Internacional da Lingua Materna
21/02/2017
A Xunta conmemora o Día Internacional da Lingua Materna
Cara a un futuro sustentable a través da educación multilingüe, lema da UNESCO para a celebración deste ano
Os conselleiros de Educación e Política Social visitaron nesta xornada unha escola infantil no marco dun acto promovido desde a Rede de Dinamización Lingüística e a Rede de Escolas Infantís Galiña Azul
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2017.- Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e Política Social, José Manuel Rey Varela, visitaron a Escola Infantil Tras Parlamento co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, unha conmemoración coa que a UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas en todos os eidos da sociedade. Este ano o lema do día é ‘Cara a un futuro sustentable a través da educación multilingüe’, co que se busca destacar que o uso das linguas maternas no marco dun enfoque plurilingüe é unha compoñente esencial da educación de calidade. Coincidindo co ano no que as Letras Galegas se lle dedican a Carlos Casares, a Rede de Escolas Infantís Galiña Azul acolleu nun dos seus centros a celebración institucional promovida pola Rede de Dinamización Lingüística (RDL).
Neste contexto, Román Rodríguez explicou que lle corresponde ao Goberno galego dar apoio ás familias e aos educadores en xeral na importante tarefa de abrirlles aos nenos e nenas as portas do galego como primeiro paso para abrirllas ao plurilingüismo. Un plurilingüismo que, salientou, constitúe unha das bazas fortes do Goberno galego, que está disposto a estendelo a todas as etapas educativas. O conselleiro de Educación destacou ademais que se está a traballar nun Plan de dinamización do uso da lingua galega entre a xuventude a fin de afondar na idea de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións, de tal forma que se xeren actitudes positivas cara á lingua propia de Galicia.
Por outra banda, Román Rodríguez quixo tamén ter unha lembranza para Carlos Casares, un dos iniciadores da literatura infantil en lingua galega; e para Rosalía de Castro, nunha semana na que se celebra o 180 aniversario do seu nacemento.
Pola súa parte, José Manuel Rey Varela explicou que con este acto a Xunta súmase ao chamamento que fai a UNESCO en favor da diversidade lingüística e o plurilingüismo, destacando a riqueza que supón que en Galicia convivan dúas linguas. Así mesmo, indicou que, tal e como sinala na súa declaración a UNESCO, “a educación en lingua materna é esencial para mellorar a aprendizaxe e para fomentar a confianza e autoestima”. Neste sentido, apuntou que nas escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade autonómica úsase preferentemente o galego, sendo o seu emprego maioritario nestes centros se ben galego e castelán utilízanse en función da lingua materna de cada un dos nenos.
Durante o seu percorrido polo centro escolar os conselleiros estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e mais polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños.
O acto institucional pechárono os músicos coruñeses Pablo Díaz, Carmen Rey e Tito Calviño cun concerto en directo de 'Xente miúda, moita fartura' que tivo como convidados bebés e familias usuarias da escola infantil.
Diálogo e integración
O obxectivo do Día Internacional da Lingua Materna é sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e do relevante papel que teñen para garantir o respecto á diversidade, fomentar o diálogo intercultural e, en relación con isto, para fortalecer a cooperación, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural. A Xunta de Galicia vén sumándose a esta conmemoración desde o 2011 e a RDL incorporouse a ela dous anos despois, tras a súa creación, celebrando cada ano un acto institucional nun dos seus concellos adscritos (nesta ocasión, na capital de Galicia). No web www.linguagalega.gal pódense atopar información e recursos sobre o Día Internacional da Lingua Materna.
Centrado na defensa do plurilingüismo, a mensaxe da directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, sinala a aprendizaxe das diferentes linguas como “unha promesa de paz, de innovación e de creatividade”; e lembra que “non pode haber un diálogo xenuíno, nin unha cooperación internacional eficaz, sen o respecto da diversidade lingüística, que abre paso á comprensión verdadeira de cada cultura”.
Así mesmo, salienta que a educación plurilingüe, é tamén unha oportunidade para mobilizarse e favor dunha educación inclusiva e equitativa de calidade e da oportunidade de aprendizaxe ao longo de toda a vida para todos; cuestións que constitúen liñas de actuación primordiais para a Consellería de Cultura e Educación.