Nova: Alberto Vázquez trae a Galicia os seus Goyas para a estrea en cines de Psiconautas

21/02/2017

Alberto Vázquez trae a Galicia os seus Goyas para a estrea en cines de Psiconautas

A fita, mellor película de animación na pasada edición dos premios do cinema español, comeza a súa distribución con medio cento de copias en máis de 35 localidades

Ademais, ‘Decorado’, galardoada como mellor curta de animación, continúa o seu percorrido polo circuíto internacional de festivais tras ser exhibida en Cannes, Annecy ou Clermont-Ferrand, entre outros

O conselleiro de Cultura recibiu hoxe o director e mais o produtor Farruco Castromán para presentar a chegadas ás salas comerciais desta longametraxe de animación, subvencionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recibiu o director Alberto Vázquez e o produtor Farruco Castromán, de Zircozine, aos que felicitou persoalmente polo seu recente Goya á mellor película de animación por ‘Psiconautas, los niños olvidados’. Con motivo da presentación da súa estrea en salas este venres, o realizador coruñés acudiu á Cidade da Cultura de Galicia coas dúas estatuíñas que acadou na pasada edición dos premios do cinema español, na que tamén recolleu o galardón á mellor curta de animación por ‘Decorado’, e coa que obtivo en 2012 coa curta ‘Birdboy’.

O conselleiro de Cultura fixo fincapé no fito que supón que un director consiga dous Goyas simultáneos (no caso de ‘Psiconautas’, compartido con Pedro Rivero como codirector), ao tempo que subliñou que os seus tres galardóns sitúan a Alberto Vázquez entre os profesionais do audiovisual galego máis premiados pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas xunto co actor Luís Tosar e o realizador e guionista Ángel de la Cruz.

Apoio da Xunta

Participou tamén nesta presentación Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a través da que en 2012 a Xunta de Galicia lle adxudicou á produtora galega Zircozine unha subvención de máis de 210.000 euros para o proceso de coprodución de ‘Psiconautas’ coa produtora vasca Basque Films. Neste sentido, Román Rodríguez incidiu en que este foi un proxecto que a Consellería de Cultura acompañou durante todo o percorrido cara á súa chegada á pantalla grande, cun resultado do que “nos sentir orgullosos”.

Tras o seu paso por corenta festivais de todo o mundo e máis de 15 premios internacionais, este filme de animación para público adulto preestrease hoxe nos Cantones Cines da Coruña e o venres comeza a súa distribución española con medio cento de copias en máis de 35 localidades (Narón, Santiago e Vigo), Andalucía, Asturias, Baleares, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Navarra e País Vasco. Así mesmo, o filme ten pechados xa acordos de vendas internacionais en Estados Unidos, Canadá, Reino Unido e Francia.

Román Rodríguez aproveitou para lembrar os éxitos que a animación lle ten dado ao audiovisual galego, un sector que cualificou de estratéxico e, como tal, “prioritario no ámbito das industrias culturais”. Así mesmo, recordou que precisamente o pasado venres a Agadic fixo pública a súa convocatoria de subvencións á produción e coprodución audiovisual, cunha dotación total de dous millóns de euros e ás que poden optar –entre outros formatos– longametraxes, curtametraxes e series televisivas de animación.

Talento individual e esforzo colectivo

O conselleiro recoñeceu publicamente o gran esforzo e traballo de equipo que supón sacar adiante este tipo de producións, nas que asoma tanto o talento individual dos creadores galegos como a capacidade emprendedora das produtoras que continúan apostando por este formato. Na relación de títulos producidos no que vai de século, atópanse fitas tan coñecidas como ‘O bosque animado’ e ‘O soño dunha noite de San Xoán’, primeiros Goya para a animación galega, ou ‘De profundis’, ‘O apóstolo’, ‘Nocturna’, ‘Engurras’, ‘Perez. O ratiño dos teus soños’, ‘A tropa de trapo’, ‘O soldadiño de chumbo’, ‘Holy Night, noite de paz?’, ‘Maimiño’ e ‘Tutú’, ademais das obras de Alberto Vázquez.

No caso de ‘Psiconautas, los niños olvidados’, que leva ao cinema a novela gráfica do propio Alberto Vázquez, a historia da viaxe de Birdboy e Dinky na procura dun mundo mellor ten sido definida pola crítica como sorprendente, irónica e macabra, conmovedora e dotada dunha gran poética e destreza audiovisual. Xa na curtametraxe ‘Birdboy’, que lle valeu o seu primeiro Goya ao tándem Vázquez-Rivero, se nos adiantaba o mundo postapocalíptico a partir do que se desenvolveu a longa ‘Psiconautas’.

Pola súa banda, ‘Decorado’ –incluída recentemente no catálogo da Agadic ‘Shorts from Galicia’ para a promoción internacional das curtametraxes galegas– continúa o seu intenso percorrido por festivais de todo o mundo despois de ser exhibida en citas tan relevantes como Cannes, Annecy ou Clermont-Ferrand.
 

Comparte