Nova: RTVE porá á disposición da cidadanía a serie documental Arquitectura popular en Galicia
22/02/2017
RTVE porá á disposición da cidadanía a serie documental Arquitectura popular en Galicia
O secretario xeral de Cultura participou na presentación destas pezas audiovisuais, baseadas na obra do mesmo nome de Pedro de Llano
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación dos documentais da serie ‘Arte e tradicións populares: Arquitectura popular en Galicia’, que Radio Televisión Española acaba de poñer á disposición da cidadanía en formato cinema. O obxectivo é favorecer a divulgación do contido destas pezas audiovisuais, que están baseadas na obra de investigación ‘Arquitectura popular en Galicia’ do arquitecto Pedro de Llano, con limiar de Xaquín Lorenzo Fernández ‘Xocas’.
Anxo Lorenzo destacou “o labor levado a cabo polo autor do libro e polo ilustre etnógrafo Xocas, grazas ao que temos hoxe unha documentación e narración exhaustiva de como foron ao longo do tempo as nosas edificacións”. “Un labor –precisou– grazas ao que a arquitectura popular pasou de ser un feito cultural próximo, pero esquecido, a manifestarse como unha parte consciente da nosa identidade como pobo e, polo tanto, un patrimonio que debemos conservar”. Así mesmo, agradeceu o esforzo de RTVE por poñer a disposición da cidadanía estas pezas documentais, documentos audiovisuais de gran valor que conforman unha testemuña única dunha forma de vida que xa non existe.
Na presentación participaron tamén o director de RTVE en Galicia, Rafael Cid; o arquitecto Pedro de Llano e o coordinador do Proxecto Terra e difusor no ensino destes documentais, Xosé M. Rosales Noves.
Defensa da paisaxe
O secretario xeral destacou tres actuacións da Consellería de Cultura e Educación para avanzar nesta dirección. Por unha banda, a inclusión dunha nova categoría de Ben de Interese Cultural na nova Lei do patrimonio cultural, a de paisaxe cultural, que dá entidade ao que nalgún tempo foi considerado ‘paraxe pintoresca’. Precisamente, onte publicouse no ‘Diario Oficial de Galicia’ a incoación do expediente para declarar como ben de interese cultural o arquipélago de Sálvora, o primeiro que se declarará nesta nova categoría de paisaxe cultural.
Ademais, estase a traballar na elaboración dun Plan Estratéxico de Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos, unha iniciativa coa que o Goberno galego quere favorecer a conservación destes núcleos ao tempo que se promove a fixación de poboación neles, a potenciación dos seus valores e incentivar a súa actividade económica.
En terceiro lugar, o secretario xeral lembrou a publicación da ‘Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago’, con recomendación coas que se garante a salvagarda das súas características tradicionais, culturais e paisaxísticas.