Nova: A Casa-Museo de Rosalía festexa o 180 aniversario da escritora
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
24/02/2017
A Casa-Museo de Rosalía festexa o 180 aniversario da escritora
Padrón (A Coruña), 24 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou nos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro na súa casa da Matanza, en Padrón, para celebrar o Día de Rosalía co gallo do 180 aniversario do nacemento da escritora.
En concreto, a Casa acolleu a proxección da curtametraxe ‘Unha muller que pasa-Silencio’, de Paco Gallego e Xosé Bocixa, gañadora das Curtas para Rosalía 2016, así como un concerto do grupo de cantareiras galegas sitas en Bruxelas, Ialma. O evento concluíu cunha degustación do Caldo de Gloria na lareira da propia sede da Fundación.
Tomaron parte nesta celebración, ademais do conselleiro, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Programación da Fundación
Estes actos serviron de colofón a un día de festa e conmemoración ao redor da figura desta poeta galega e universal. O día comezou en Santiago coa ofrenda floral a Rosalía na estatua erixida hai cen anos no seu honor na Alameda de Compostela e continuou cun acto cultural no Hostal dos Reis Católicos no que participaron os grupos Carapaus e Ialma.
A celebración trasladouse ao mediodía a Padrón onde se realizou unha homenaxe diante da estatua do Espolón, rematando polo serán coa actividade antedita na Casa-Museo de Rosalía de Castro.