Nova: O XI Encontro Arqueolóxico do Barbanza converte a Boiro na capital nacional da divulgación científica
25/02/2017
O XI Encontro Arqueolóxico do Barbanza converte a Boiro na capital nacional da divulgación científica
Máis de 320 especialistas na materia, procedentes de toda España, participan nesta edición dun seminario que xa esta consolidado como un referente a nivel galego
A Coruña, 25 de febreiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou ao alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e á concelleira de Cultura, Helena Teixeira, no acto inaugural do XI Encontro Arqueolóxico do Barbanza, celebrado esta mañá no salón de actos da Casa da Cultura Ramón Martínez López. Todos eles foron recibidos, á súa chegada, polo técnico coordinador do seminario Víctor Barbeito.
Na súa intervención Ovidio Rodeiro agradeceu a invitación a un encontro “xa consolidado e considerado polos expertos un referente a nivel nacional e mesmo internacional no eido da arqueoloxía”. O delegado sinalou que “non é casualidade que Boiro convértase unha vez máis no centro de referencia da divulgación arqueolóxica”, en alusión aos castros de Neixón, declarados Ben de Interese Cultural, “que unifican o extraordinario caudal patrimonial co seu singular aporte paisaxístico”.
Ovidio Rodeiro dedicou unha mención especial ao Centro Arqueolóxico do Barbanza, “que trata de poñer en valor e de dar a coñecer a historia milenaria destas terras”. Eloxiou o esforzo dos deus integrantes por resaltar “a maxestuosidade de miles de anos de historia condensados no Neolítico, na Idade de Bronce e na cultura castrexa da Idade de Ferro”. O delegado territorial da Xunta na Coruña reiterou o compromiso do Goberno galego por darlle o valor que se merece ao patrimonio arqueolóxico galego. “Encontros coma este contribúen a fomentar unha maior concienciación e sensibilidade social cara á necesidade de protexer a nosa riqueza histórica e patrimonial”, rematou.
Acompañado polo alcalde, o delegado territorial saudou durante un receso a algúns dos participantes antes do inicio das xornadas, e tivo a oportunidade de coñecer polo miúdo os diferentes expositores instalados no exterior do salón de actos do centro Ramón Martínez López. A undécima edición dos Encontros Arqueolóxicos do Barbanza reúne en Boiro a destacados especialistas como María Eugenia Aubet Semmler; catedrática emérita de Prehistoria da Universitat Pompeu Fabra; Valentín Villaverde Bonilla, catedrático de Prehistoria da Universitat de València; Nicholas Márquez-Grant, Lecturer in Forensic Anthropology da Cranfield University; Antonio Faustino Carbalho, profesor de Arqueoloxía e Património Cultural da Universidade do Algarve; ou María del Carmen del Arco Aguilar, catedrática de Prehistoria da Universidad de La Laguna, entre outros.