Nova: O Museo Massó de Bueu organiza obradoiros infantís e singraduras didácticas pola ría

07/08/2014

O Museo Massó de Bueu organiza obradoiros infantís e singraduras didácticas pola ría

Nenos e nenas achegaranse ao mundo do mar cos talleres ‘Cousas da praia’ e ‘En busca do Tesouro’

  • Singradura didáctica pola ría Singradura didáctica pola ría

Bueu (Pontevedra), 7 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Massó, celebra, durante este mes de agosto, diversas actividades para todos os públicos entre as que destacan os obradoiros, a navegación, as charlas ou a proxección de filmes.

No día de hoxe os pequenos de entre tres e seis anos participan en ‘Cousas da praia’ na que mediante o xogo e a música os cativos descobren cousas como de que está formada a area da praia, porque sobe e baixa o mar, que tipo de plantas viven nas dunas, etc. O día 14 volverá a estar centrado nos máis pequenos coa iniciativa ‘En busca do Tesouro’, unha actividade na que a partir dun mapa e algunhas notas orientativas, os rapaces, de entre 5 e 9 anos, terán que encontrar as diferentes partes dun quebracabezas.

Na xornada de hoxe tamén se levou a cabo a singradura didáctica pola ría no pesqueiro ‘Chasula’: unha ruta con carácter didáctico que ten por obxectivo ofrecer unha experiencia real que permita coñecer de preto o sistema de explotación das bateas ou a pesca do polbo. Esta actividade volverase a repetir mañá venres as 10 e as 17 horas. A asistencia de menores está permitida sempre e cando o acompañe un adulto. Esta singradura volverase a repetir o vindeiro 9 e 30 de agosto no galeón ‘Ave de Paso’ no que se ofrecerá a experiencia de navegar nunha embarcación propulsada a vela.

Xa entrados na segunda quincena, os días 15, 16 e 17 terá lugar o ‘XVIII Encontro de embarcacións tradicionais’. Ao longo destes tres días faranse visitas guiadas, proxeccións de películas, navegación libre, obradoiros, etc. O día 22 haberá no Museo unha cita para toda a familia co obradoiro ‘Atando Cabos’, un taller práctico para aprender a facer os nós mariñeiros básicos. Neste día, ademais, farase un visionado dun documental ó redor da temática mariñeira e centrado no remo e na dorna. Como peche da programación para o mes de agosto, o día 23 á noite darase unha charla nas instalacións do Museo Massó e, posteriormente, sairase a rúa para facer unha observación nocturna do ceo con telescopios.

Cómpre recordar que, ademais destas actividades, durante as noites do 9 e do 16 de agosto o Museo Massó non pechará as súas portas ata as doce da noite no marco do programa ‘Noites de Verán’

Os interesados nestas actividades deberán inscribirse chamando ao teléfono 986 321 838 –entre as 10.00 e as 20.00 horas, de martes a sábado e entre as 10.00 e as 14.00 horas os domingos e festivos–, ou poñéndose en contacto por correo electrónico con museo.masso@xunta.es.

Colección permanente
Ademais destas actividades o Museo Massó conta cunha exposición permanente baseada na temática da conquista do mar e da explotación dos seus recursos. Entre os elementos que a conforman destacan o mobiliario da clínica da fábrica de conservas Massó de Bueu, a colección sobre o deseño e a tipoloxía de envases –na que destaca a obra de Federico Ribas–, gravados do século XVII sobre a caza da balea, mascaróns de proa, documentos e libros relacionados cos corsarios, un diario de navegación dunha expedición comandada por Blas de Lezo, así como unha serie de libros incunables, entre outras pezas.

Comparte