Nova: Galicia ProFilme abre 2017 cunha xornada formativa sobre aspectos legais dos autores do audiovisual
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
02/03/2017
Galicia ProFilme abre 2017 cunha xornada formativa sobre aspectos legais dos autores do audiovisual
O guionista Sergio Barrejón e o avogado do sindicato Alma Tomás Rosón exerceron de relatores baixo o título ‘Todo o que asinaches e non deberías ter asinado’
A Agadic colabora coa Asociación Galega de Guionistas (Agag) para ofrecerlles esta sesión aos profesionais galegos que se deron cita na sede compostelá da Fundación SGAE
Santiago, 2 de marzo de 2017.- Galicia ProFilme, o programa formativo para profesionais do audiovisual que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), iniciou hoxe a súa programación anual para 2017 cunha xornada dedicada á legalidade que lles atinxe aos autores deste sector. A sede da Fundación SGAE en Santiago acolleu esta tarde esta primeira sesión, organizada polo Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales (FAGA) e o sindicato de guionistas ALMA en colaboración coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG).
Os participantes foron recibidos cunha presentación que compartiron Ana Hormaetxea, presidenta de FAGA, e Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Agadic, quen coincidiron en sinalar a importancia do coñecemento e da defensa dos aspectos legais, tanto deberes como dereitos, no exercicio da escrita de guións.
A continuación, tomaron a palabra Sergio Barrejón, guionista de series como ‘Amar en tiempos revueltos’ e ‘La señora’, e de filmes como ‘Hijo de Caín’, ‘Lucas’ ou ‘La media pena’; e Tomás Rosón, avogado de ALMA, para levar a cabo as súas intervencións, así como o coloquio posterior que se suscitou a partir do título ‘Todo o que asinaches e non deberías ter asinado’.
O marco legal que fixa o convenio colectivo aplicable, o réxime xurídico dos contratos temporais, así como a relación laboral de fixo descontinuo e da coñecida como ‘falso autónomo’ foron algúns dos contidos que se abordaron na sesión. De feito, estes puntos son os que centran as principais reivindicacións de ALMA, a organización sindical que suma 400 asociados en toda España e que traballa desde 1989 polos intereses dos escritores para cine e televisión e pola visibilidade do seu relevante papel.
Con este primeiro Galicia ProFilme de 2017, a Agadic continúa coa oferta de varias iniciativas pedagóxicas e de intercambio profesional dirixidas especificamente aos traballadores do sector audiovisual, así como coa súa liña de colaboración con AGAG para que a atención aos guionistas sexa parte importante deste programa.