Nova: O Gaiás festexa a Cidade Verde, unha xornada lúdica nos seus espazos naturais
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
06/03/2017
O Gaiás festexa a Cidade Verde, unha xornada lúdica nos seus espazos naturais
A Cidade da Cultura dálle a benvida á primavera o 25 de marzo coa ‘Holi Gaiás’, unha carreira lúdica e familiar que arrancará ás 12 da mañá e discorrerá por 5 quilómetros do Bosque de Galicia e o Parque do Lago
O programa de actividades inclúe roteiros guiados, obradoiros de música electrónica, meteoroloxía, supervivencia e busca do tesouro
Santiago, 6 de marzo de 2017.- A Cidade da Cultura daralle a benvida á primavera o vindeiro 25 de marzo cunha xornada lúdica nos espazos verdes do Gaiás. Ao longo de todo o día, o Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o Parque do Lago da Cidade da Cultura acollerán un amplo programa de actividades que inclúe música, obradoiros, roteiros e ata unha carreira lúdica na que gozar ao aire libre en familia.
Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Bosques (21 de marzo) e do Día Internacional da Auga (22 de marzo), a Cidade da Cultura celebra ‘Cidade Verde’, unha xornada patrocinada por Viaqua que combina música, deporte e obradoiros nos que a diversión irá da man do fomento da conciencia ecolóxica, a sustentabilidade, a vida activa e o coidado do medio.
Inscricións na carreira ata o 22 de marzo
A actividade central será a ‘Holi Gaiás’, unha carreira popular lúdica na que o importante non é gañar, senón celebrar a chegada da primavera cunha explosión de cores. Inspirada no festival ‘Holi’ da India, grandes e pequenos percorrerán 5 quilómetros do Bosque de Galicia e o Parque de Lago nun ambiente festivo no que hai que estar disposto a todo: divertirte, bailar, mancharte con pos de cores e, por suposto, correr.
Organizada xunto coa Federación Galega de Atletismo, a Fundación USC Deportiva e Factoría 7, a ‘Holi Gaiás’ está pensada para persoas de todas as idades (a partir dos 8 anos) e o seu custo é de 3 euros. As entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás e ataquilla.com (+ gastos de xestión) e o prazo de inscrición péchase o 22 de marzo.
Co obxectivo de promover os hábitos de vida saudables, ‘Cidade Verde’ inclúe dous roteiros guiados nos que descubrir nun percorrido circular as áreas naturais do Gaiás. Unha andaina de pouco máis dunha hora de duración na que ademais de camiñar polo monte, os participantes coñecerán a flora que poboa o Monte Gaiás ao tempo que descobren características, anécdotas e lendas asociadas a cada especie. A actividade é de balde mais precisa de inscrición previa en cidadedacultura.gal.
Festa musical no Parque do Lago
A xornada complétase con catro obradoiros ao aire libre nos que grandes e maiores aprenderán toda unha serie de habilidades para sobrevivir na natureza, irán na busca do tesouro seguindo as pistas que atoparán nas diferentes árbores, aprenderán a predicir o tempo mentres se mergullan nos segredos do ciclo da auga da man de Meteogalicia e mesmo crearán a súa propia música a través de elementos naturais como ramas, follas ou herbas. As entradas para cada un dos obradoiros xa están á venda a un prezo de 3€ no Museo Centro Gaiás e ataquilla.com (+ gastos de xestión).
A xornada rematará cunha festa colectiva no Parque do Lago, onde todos os participantes poderán converterse en DJs e elixir a música perfecta para pechar un día dedicado a gozar da natureza en familia.