Nova: Sesión informativa ao audiovisual galego sobre as oportundiades que lle supón o Conecta Fictión

06/03/2017

Sesión informativa ao audiovisual galego sobre as oportundiades que lle supón o Conecta Fictión

O ​primeiro encontro de contidos de ficción televisiva entre Europa, América Latina e Estados Unidos de fala hispana terá lugar do 21 ao 23 de xuño en Santiago

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu este mediodía na Cidade da Cultura unha trintena de representantes do sector televisivo galego nunha sesión informativa sobre Conecta Fiction, evento internacional que terá lugar en Santiago de Compostela do 21 ao 23 de xuño. Deste xeito, achegáronselles de primeira man aos profesionais deste ámbito as oportunidades que lles brindará a celebración en Galicia dun encontro destas características, o primeiro dedicado á ficción televisiva que conectará Europa con América Latina e Estados Unidos de fala hispana.

Continúase así coa rolda de presentacións profesionais de Conecta Fiction, que arrancou a primeiros de xaneiro cunha primeira reunión en Galicia, continuou cun acto celebrado en Madrid e está a ser difundido tamén nos principais mercados do sector, como o recente NATPE Miami ou o European Film Market da Berlinale. En todas elas estase a facer fincapé na relevancia que para o audiovisual español e galego terá o feito de recibir en Galicia os executivos de 60 cadeas de televisión, produtoras e marcas de referencia en América e Europa interesadas en investir en proxectos de coprodución internacional.

Explicación e achegas

Na sesión de hoxe, os participantes foron recibidos por Jacobo Sutil, director da Agadic; Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Axencia; e Geraldine Gonard, directora de Conecta Fiction e CEO de Inside Content, empresa responsable da produción do evento, quen foi a encargada de explicar polo miúdo os seus contidos, así como de dar resposta ás consultas dos profesionais e recoller as súas achegas de cara a optimización da presenza galega no programa.

A Xunta de Galicia, a través da Agadic, é unha das promotoras do encontro xunto co ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE. Cóntase, ademais, coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fundación Cidade da Cultura, Televisión de Galicia, Galicia Calidade, o Concello de Santiago, o Clúster Audiovisual Galego (Clag), o Máster de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e a Fundación Media Europa. Arxentina será o país convidado desta primeira edición.

Ademais dos representantes da meirande parte das entidades colaboradoras, asistiron a esta sesión os da Academia Galega do Audiovisual (AGA) e a Asociación Galega de Produturas Independenetes (Agapi), así como das produtoras Abano Producións, Agallas Films, Control Z, CTV, Ficción Producciones, Fimanova, Filmax Galicia, Formato Producciones, Matriuska e Voz Audiovisual, entre outras.

Conecta Fiction mantén aberta ata o 15 de abril a convocatoria de inscrición de proxectos de series e miniseries a través da súa web www.conectafiction.com, á que poden optar aquelas propostas que conten cando menos cun 10% do seu financiamento cuberto, teñan un enfoque internacional e unha clara adecuación para ser coproducidas, así como conexión coa cultura española e latinoamericana.

De entre todas as recibidas, un comité internacional elixirá os 10 proxectos que participarán no ‘pitching’ de coprodución. Como se explicou hoxe, esta será unha das actividades centrais do programa profesional, que desenvolverán tamén outra serie de accións de formación e ‘networking’ encamiñadas á presentación e ao estudo de proxectos cara á negociación e o peche de acordos de coprodución. O rexistro para empresas e profesionais interesados en participar tamén está aberto a través da web, cun desconto especial para as inscricións que se realicen ata o 30 de abril.

Plataforma en liña

O obxectivo último é xerar na Cidade da Cultura de Galicia un espazo propicio para que os ámbitos creativo e empresarial entren en contacto directo mediante a participación de produtores executivos, directores, guionistas, compositores, inversores, coprodutores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais. Neste mesmo sentido, a organización está a traballar na posta en marcha dunha plataforma en liña (A Caixa de Ficción) que facilite o contacto entre os asistentes e a organización das súas axendas de traballo arredor de Conecta Fiction.

Ademais, está prevista a organización de diferentes actividades para compartir este evento co público xeral nas noites do 21 ao 23 de xuño. Entre elas as estreas de series internacionais en exclusiva para España.

Comparte