Nova: Este semestre comezarán os encontros co sector para avanzar na elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021
07/03/2017
Este semestre comezarán os encontros co sector para avanzar na elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021
O conselleiro de Cultura compareceu no Parlamento de Galicia para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento nesta lexislatura
Durante a súa intervención anunciou a creación da marca ‘Galicia Creativa’
Salientou a aposta pola conservación do patrimonio e anunciou un Plan de Conservación dos BIC do Camiño de Santiago
Na universidade, impulsarase a mellora do mapa de titulacións e a consolidación dunha estratexia galega de investigación
Santiago, 7 de marzo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu no Parlamento de Galicia para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura, entre as que salientou a estratexia integral que se vai impulsar no eido da cultura. Neste sentido sinalou que a Xunta traballa por unha Galicia cunha cultura que sexa xeradora de emprego e que respecte o seu patrimonio cultural e lingüístico.
Román Rodríguez sinalou que neste semestre comezarán os encontros co sector para avanzar na elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021, que ten como obxectivo o fortalecemento da nosa industria cultural partindo de dúas premisas, por unha banda garantir a máxima difusión da actividade cultural de base por todo o territorio e, por outra, asentar un tecido social e empresarial neste ámbito. Dentro dela, traballarase na elaboración dun Plan Específico da Lectura e na definición dun Plan de Audiovisual cun horizonte de cinco anos.
Preservación e difusión da cultura
Tamén no eido da cultura, impulsaranse iniciativas como a posta en marcha da Memoria Dixital de Galicia. Trátase dun proxecto colectivo de conservación, difusión e posta en valor do conxunto do patrimonio cultural que vai incluír o conxunto dos temas e ámbitos que compoñen este ámbito (material e inmaterial, moble e inmoble, literario, lingüístico, audiovisual…), e que se centrará na dixitalización e conservación destes bens e na súa divulgación.
Así mesmo, potenciaranse as redes de programación cultural (de teatros e auditorios, de música ao vivo…). Ademais, para englobar e proxectar baixo unha mesma imaxe pública a creatividade nos diferentes ámbitos, crearase a marca ‘Galicia Creativa’, que servirá tamén como ferramenta para a proxección exterior da cultura galega.
De forma paralela a estas accións e proxectos, a Xunta continuará impulsando a tarefa multidimensional que é a Cidade da Cultura, avanzando na ampliación do Bosque de Galicia e definindo un plan de usos para a estrutura do espazo non rematado, ademais de procurar a súa integración paisaxística.
Plan para os BIC no Camiño
O patrimonio cultural é unha peza fundamental da personalidade colectiva de Galicia e unha fonte de riqueza. Por iso, a Consellería vai continuar traballando na súa protección, recuperación e preservación a través do desenvolvemento normativo da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Neste sentido, está prevista a elaboración e aprobación de instrumentos como o Decreto polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Mixta Xunta-Igrexa Católica, o Convenio marco de habilitacións para que os concellos podan autorizar intervencións en determinados bens patrimoniais e as súas contornas de protección, e o Decreto polo que se crean os Consellos Territoriais, o Consello Asesor dos Camiños de Santiago e a Comisión Técnica de Arqueoloxía.
Así mesmo, e en colaboración co Goberno central, está previsto afrontar no período 2017/20 a execución dun Plan de Conservación dos Bens de Interese Cultural do Camiño de Santiago co fin de planificar e realizar obras de conservación e rehabilitación de bens destacados nos distintos trazados xacobeos (BICs, pontes históricas, construcións emblemáticas…) e poñer en valor a riqueza patrimonial, histórica e paisaxística das rutas xacobeas, tendo como referente o Ano Santo 2021.
A lingua e a mocidade
Román Rodríguez quixo facer fincapé na importancia capital da lingua galega dentro da estratexia do seu departamento. A este respecto, lembrou que se está a desenvolver o Plan de dinamización do galego no tecido económico e que, en colaboración con Xuventude, se está a preparar un Plan de dinamización do uso da lingua galega entre a mocidade. Asemade, de acordo cun recente acordo parlamentario,prestarase unha especial atención aos neofalantes, persoas que se esforzan por comezar a empregar o galego malia non ser a súa lingua inicial.
Por outra banda, continuarase avanzando no aproveitamento dos vínculos coa lusofonía, o que axuda tamén a internacionalizar a nosa lingua propia, ao tempo que supón unha gran oportunidade para o posicionamento dos nosos sectores produtivos nos importantes mercados lusófonos no mundo.
Bibliotecas
A presentación da 2ª fase do plan Lía de Bibliotecas Escolares será unha das accións máis inmediatas da Consellería para esta lexislatura, unha vez xa postos en marcha os contratos-programa para este curso. Ademais, continúan desenvolvéndose tanto a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015/20 como as diferentes accións de atención á diversidade do alumnado, medidas todas elas dirixidas a consolidar o sistema educativo galego como un dos máis equitativos do mundo.