Nova: Castrelo de Miño e Muíños acollen esta fin de semana o concerto de fados en galego 'Os sons do vento que pasa'

07/08/2014

Castrelo de Miño e Muíños acollen esta fin de semana o concerto de fados en galego 'Os sons do vento que pasa'

Gonçalo Guerreiro e Dani Pais actúan no ‘Ribeiro Blues WinesFestival’ que organiza o concello ourensán en colaboración con 18 adegas e coa D.O. Ribeiro

O domingo chegan a Muíños e seguirán de xira todo o mes ampliando a oferta de ocio en vilas da Rede de Dinamización Lingüística

  •  Os sons do vento que pasa Os sons do vento que pasa
  •  Os sons do vento que pasa Os sons do vento que pasa
  •  Os sons do vento que pasa Os sons do vento que pasa

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2014.- O programa FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a dinamizar o galego durante o mes de agosto da man do concerto de fados Os sons do vento que pasa, que esta fin de semana chega aos concellos ourensáns de Castrelo de Miño e de Muíños.

Destinado ao público de todas as idades, este sábado será a veciñanza de Castrelo de Miño quen poida gozar deste fermoso espectáculo musical, ás 21:30 horas no Club Náutico, no marco da celebración do Ribeiro Blues WinesFestival que organiza o concello ourensán en colaboración con dezaoito adegas e mais coa Denominación de Orixe Ribeiro. Coa iniciativa colabora así a Consellería de Cultura e Educación, en virtude da participación de Castrelo de Miño na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Xa o domingo, será a quenda de Muíños, que acollerá o concerto de Gonçalo Guerreiro e Dani Pais ás 12:00 horas no Complexo Turístico O Corgo.

Tras poñer en marcha desde marzo con grande éxito catro espectáculos dinamizadores destinados á xente miúda e ás súas familias e á rapazada -o concerto Toc Toc, a obra de teatro As fabas máxicas, o concurso Os Bolechas e o Sabichón e a xincana Augalingua-, con esta proposta da compañía Elefante Elegante a terceira edición de FalaRedes diríxese ao público en xeral.

As cantigas dos Sons do vento que pasa, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos. Deste xeito, o espectador mergulla nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado.

De xira por toda Galicia
Da man do FalaRedes 2014, Os sons do vento que pasa chegará ata decembro a un total de 36 vilas galegas adscritas á RDL. Coma sempre, o acceso será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos que acollen este espectáculo musical.

Tras as paradas desta fin de semana, o concerto fará parada en Miño, en Malpica de Bergantiños, en Toén, en Parada de Sil, en Cabana de Bergantiños, en Vilalba, no Incio, na Baña e en Maside.

En setembro será a veciñanza de Baiona, de Sarreaus, de Vilaboa e de Campo Lameiro quen poderá gozar dos fados interpretados por Gonçalo Guerreiro, que en outubro soarán nos concellos de Curtis, de Bóveda, de Noia, de Lousame, de Outes e de Oleiros. No mes de novembro, esta actividade de FalaRedes aínda chegará a Verín, Foz e Cuntis, pechando en decembro a súa xira pola RDL na localidade coruñesa de Arzúa.

FalaRedes 2014
Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL cun total de cinco actividades e 150 sesións de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do noso idioma na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade en galego.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento da nosa lingua no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 170 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Comparte