Nova: A antoloxía Six Galician Poets difunde no exterior a literatura galega actual

10/03/2017

A antoloxía Six Galician Poets difunde no exterior a literatura galega actual

Promovido pola editora británica Arc Publications co apoio da Xunta de Galicia, o volume presenta unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Estevo Creus, María do Cebreiro, Chus Pato e Daniel Salgado, traducidos por Keith Payne

Trátase do décimo terceiro volume da serie de antoloxías bilingües de poesía europea ‘New Voices from Europe and Beyond’
 

  • María do Cebreiro, unha das seis autoras da antoloxía poética

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2017.- A antoloxía ‘Six Galician Poets’ difunde a literatura galega actual nunha edición bilingüe galego-inglés que acaba de ver a luz na colección New Voices from Europe and Beyond. A obra, publicada pola editora británica Arc Publications, reúne unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Estevo Creus, María do Cebreiro e Daniel Salgado, vertidos ao inglés polo poeta irlandés e tradutor Keith Payne.

“Saudamos con moita ledicia esta nova obra que nos ofrece a posibilidade de facer voar as voces máis novas da produción poética galega actual polo mundo adiante”. Así valorou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o interese da publicación durante a presentación do volume, que tivo lugar esta mañá no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Difusión da creatividade actual

Segundo explicou, “esta antoloxía ten o engadido de poñer a atención sobre a creatividade actual das nosas letras; de voces de autoras e autores, algúns deles presentes hoxe aquí, e co traballo escrupuloso de levar cada verso ao inglés de Keith Payne”. “Seis voces, seis poetas –dixo–, que desde agora verán espallar as súas palabras polo mundo nunha lingua que lles facilitará o acceso a lectores de moi diversas procedencias”.

Nun acto que reuniu o reitor da UVigo, Salustiano Mato; os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Estevo Creus e Daniel Salgado, o decano da facultade, Luis Alonso Bacigalupe; a coordinadora da antoloxía, Manuela Palacios; o tradutor da antoloxía, Keith Payne, e mais o profesor Alberto Álvarez, Anxo Lorenzo expresou o seu desexo de que “a proxección da obra sexa duradeira e que axude a consolidar a nosa historia literaria, porque quererá dicir que estas novas propostas poéticas callaron nos lectores e que foron capaces de transcender a propia estética e as circunstancias do seu tempo”.

A obra reúne para o público internacional unha escolma de poemas de seis dos poetas galegos actuais máis consolidados tanto pola súa ampla traxectoria literaria como polo recoñecemento que merece a súa obra poética. A obra destes poetas preséntase en tradución inglesa realizada polo poeta irlandés e tradutor Keith Payne, mentres que a coordinación da escolma correu a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios, directora de varios proxectos de investigación estatais sobre poesía galega e irlandesa contemporánea.

Colección bilingüe de poesía europea

‘Six Galician Poets’ pertence á colección New Voices from Europe and Beyond da Editora británica Arc Publications. Trátase do décimo terceiro volume nunha serie de antoloxías bilingües de poesía europea dirixidas a un público lector en lingua inglesa. Dentro desta colección figuran escolmas de poesía finesa, estoniana, polonesa e checa, entre outras.

Tras unha primeira presentación da antoloxía en varias universidades e festivais literarios do Reino Unido a finais de 2016, iníciase na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo unha rolda de presentacións da antoloxía en Galicia.

Iniciativas para a proxección das letras galegas

Ademais de colaborar con diferentes iniciativas para reforzar a difusión internacional da literatura galega, a Secretaría Xeral de Cultura promove a web Portic of Galician Literature, cunha mostra de obras de referencia de 25 escritores e escritoras galegos, entre os que se inclúen Rosa Aneiros, Manolo Rivas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Fernando M. Cimadevila, Xabier López López, Andrea Maceiras e Xosé Neira Vilas.

Co mesmo obxectivo de favorecer a chegada ao público anglófono, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo coedita co selo Small Stations Press a colección Galician Classics, na que viron a luz nos últimos anos as edicións en inglés de títulos de referencia da literatura galega como ‘Follas novas’, ‘Longa noite de pedra’, ‘Nimbos’ e ‘Cantares gallegos’.

E para favorecer o intercambio cultural e apoiar o sector editorial, Cultura tamén convoca unha liña de subvencións á tradución. Na edición 2015-2016, concedéronse axudas a 19 editoriais para a tradución de máis de 60 títulos. Boa parte desas traducións permitiron verter a outros idiomas textos escritos orixinalmente en galego, fundamentalmente ao castelán e ao inglés, se ben tamén se apoiaron traducións ao portugués, ao catalán e ao búlgaro.
 

Comparte