Nova: Visitas guiadas nocturnas para achegarse ao patrimonio arqueolóxico a través da astronomía
08/08/2014
Visitas guiadas nocturnas para achegarse ao patrimonio arqueolóxico a través da astronomía
O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lánsbrica realizan estas actividades ao redor da noite das 'bágoas de san Lourenzo’
Santiago, 8 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria invita a participar nunha visita guiada nocturna na que combinar arqueoloxía e astronomía. O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de Lansbrica acollerán estas actividades o vindeiro sábado, 9 de agosto, ás 23 horas.
En Campo Lameiro esta iniciativa permitirá achegarse ao mundo dos petroglifos e observar os cambios que se producen no ceo, as principais constelacións e desfrutar da chuvia de estrelas. Ademais levarase a cabo a actividade ‘As pegadas do ceo’ a cargo do Observatorio Astronómico de Cotobade.
Por outra banda, no Parque Arqueolóxico de Lansbrica, ofrecerase unha oportunidade excepcional para coñecer a cultura castrexa a través dunha actividade que combina arqueoloxía e astronomía para observar o ceo no entorno privilexiado de San Cibrao de Las na compañía da Asociación Astronómica de Ourense (AAO). Ademais da actividade, os que o desexen terán a posibilidade de cear no restaurante do Parque.
Cómpre recordar que no caso de ambas actividades o aforo é limitado e é preciso facer unha reserva previa. No caso do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa a reserva farase por teléfono no 988 267 285 ou por email escribindo a reservas@pacc.es. Para asistir ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro a reserva precisa poderase facer no 986 696 066 o mediante correo electrónico contactando con reservas@paar.es.