Nova: Os festivais centran o inicio das Xornadas Industrias Musicais
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/03/2017
Os festivais centran o inicio das Xornadas Industrias Musicais
Agadic, Fundación Paideia e Estudios Mans organizan estas sesións, que terán continuidade o 25 de abril, o 23 de maio e o 13 de xuño para abordar o papel das salas de concertos, o xornalismo musical e a xestión do talento, respectivamente
Os representantes de Primavera Sound de Barcelona, Wos Inc de Santiago e Atlantic Fest da Illa de Arousa compartiron a súa experiencia á fronte destes tres encontros musicais de moi diferente formato
A Coruña, 14 de marzo de 2017.- As Xornadas ‘Industrias Musicais’ arrancaron na Coruña cunha primeira sesión dedicada aos diferentes formatos de festivais, ás que seguirán outras tres o 25 de abril, o 23 de maio e o 13 de xuño arredor das salas de concertos, o xornalismo musical e a xestión do talento, respectivamente.
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Fundación Paideia Galiza e os Estudios Mans colaboran na organización desta iniciativa, a través da que se lles ofrece tanto aos profesionais como a todas aquelas persoas interesadas no mundo da música en xeral un espazo para a reflexión sobre a situación do sector.
Esta primeira xornada foi presentada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e polo vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara. A xornalista de Radio Coruña Cadena Ser, Teba Chacón, foi a encargada de conducir a sesión, na que interviñeron Alberto Guijarro, do Primavera Sound de Barcelona; Iván Arias, do Wos Inc de Santiago; e Susana Laya, do Atlantic Fest da Illa de Arousa.
Jacobo Sutil incidiu na relevancia de contar con este tipo de espazos para a análise e o debate arredor do sector musical, tendo en conta súa importancia no conxunto das industrias culturais tanto polo seu capital profesional como polo seu papel como motor económico.
Potencial e capacidade
Neste sentido, fixo fincapé no potencial creativo da música galega, que na plataforma promocional que mantén a Xunta baixo a marca GalicianTunes conta con 358 artistas e grupos rexistrados, 29 festivais e 50 empresas. Subliñou igualmente a demostrada capacidade da nosa industria musical, capaz de organizar circuítos específicos, de captar o patrocinio de grandes marcas, de atraer a Galicia grandes eventos internacionais como Womex, de deseñar espazos de comunicación propios e de poñer en pé festivais presentes no “top ten” dos máis concorridos de España, como é o caso do Resurrection Fest de Viveiro, xunto con outros ideados como “pequenas xoias” para a difusión musical.
O obxectivo é, segundo Sutil, crer nas posibilidade e no talento dos profesionais da música en Galicia para que a nosa Comunidade forme parte, “á súa escala, pero cada vez de xeito máis claro”, da dinámica positiva que empeza a conseguir a industria musical a nivel estatal e internacional. Así, segundo a Asociación de Promotores Musicais, en 2016 a música en vivo facturou en España un 14,7 por cento máis que en 2015, mentres que un recente estudo de Midia Reseach sinala que a industria discográfica está a experimentar o seu maior crecemento mundial en 15 anos.
‘Showcase’ acústico
A xornada da tarde na sede da Fundación Paideia Galiza na Coruña pechouse cun ‘showcase’ acústico de Audionave, artista emerxente e alumno do Coworking Cultural de Paideia en Padrón. O programa continuará o 25 de abril, cun debate arredor do papel das salas de concertos na programación musical e na industria, para o que se contará con Willy Naves, da Sala Costello Club de Madrid, e con Carlos Espinosa, presidente da Asociación Estatal de Salas Privadas de Música en Directo (ACCES).
O 23 de maio terá lugar unha terceira sesión, desta volta arredor do xornalismo musical coa participación de Paula Quintana, do programa de radio 3 ‘Capitán Demo’, e de Salva Ronko, de ‘Maketon’ de Los40 Vigo. A última destas citas terá lugar o 13 de maio baixo o título ‘Xestión de talento: que fago co meu master?’, na que Paco Loco, de Paco Loco Estudios, e Patricia Gabeiras, de Legal Music, analizarán os pasos a seguir cun novo traballo discográfico, desde a procura de selos e lanzamento ata a campaña de promoción e a xira.
As prazas para cada unha destas xornadas son limitadas e a matrícula, gratuíta previa inscrición a través da web www.paideia.es/eventos.