Nova: Cultura traballa para que o parque do Pasatempo de Betanzos sexa o cuarto BIC de Galicia con categoría de Xardín histórico
15/03/2017
Cultura traballa para que o parque do Pasatempo de Betanzos sexa o cuarto BIC de Galicia con categoría de Xardín histórico
O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha xuntanza de traballo con responsables da Plataforma do Parque do Pasatempo de Betanzos
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo unha reunión cos responsables da plataforma do Parque do Pasatempo de Betanzos, para abordar a situación do parque do Pasatempo e a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Tendo en conta a singularidade deste espazo emblemático, a Consellería ofrecerá todo o apoio técnico necesario para favorecer e facilitar a súa declaración como BIC na categoría de “Xardín histórico”, polo que se convertería no cuarto espazo baixo este recoñecemento, que a día de hoxe en Galicia ostentan o Xardín da Vila de Padrón, o Parque do Pazo de Quiñones de León en Castrelos e o Pazo da Pastora (tamén coñecido como Santo Tomé de Freixeiro), ambos os dous en Vigo.
O parque do Pasatempo, construído por iniciativa de Juan García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX, foi concibido coma un parque temático que lle brindaba á sociedade da época a posibilidade de coñecer outros países e culturas a través dun espazo perfectamente deseñado cun fin didáctico, sito nunha contorna periférica pero próxima ao conxunto histórico de Betanzos.
A súa singularidade –que o fai sobranceiro– reside en que é o único xardín didáctico destas características en Galicia e practicamente en España, e que destaca tanto pola propia extensión do espazo, polos materiais utilizados e polas formas empregadas nas esculturas, traballos ornamentais e as naturezas recreadas. Ademais leva implícito un valor inmaterial tamén excepcional relacionada coa acción filantrópica exercida polos irmáns García Naveira para os seus concidadáns naquel momento e que hoxe forma parte da memoria da vila de Betanzos con outros múltiples exemplos aínda vivos.