Nova: Siro López presenta na RAG o seu ensaio sobre o humorismo en Cervantes
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
16/03/2017
Siro López presenta na RAG o seu ensaio sobre o humorismo en Cervantes
O seu autor analiza nel ‘O Quixote’ desde unha perspectiva inédita nos estudos desta obra que considera fundacional dun novo humorismo na literatura universal
A Coruña, 16 de febreiro de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe ao serán na coruñesa sede da Real Academia Galega (RAG) o volume XXXVI da colección Cadernos Ramón Piñeiro, ensaio no que o humorista gráfico e caricaturista ferrolán Siro analiza a aparición do humorismo na literatura universal coa obra ‘O Quixote’, de Cervantes. O libro, que leva por título ‘Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo’ e que acaba de ser publicado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), constitúe a máis destacada e rigorosa investigación sobre o humorismo cervantino e fornece valiosas análises a propósito doutras figuras do humanismo galego e universal.
O secretario xeral de Política Lingüística expresou a súa satisfacción pola publicación dun novo Caderno Ramón Piñeiro do que, "con seguridade, estaría orgulloso o autor de Láncara que lle dá nome a esta colección, pois para el e para a súa xeración, a dos artífices do ensaio en lingua galega, o humor era asunto moi serio en tanto que constituía unha das características definitorias do ser galego".
Ademais do titular de Política Lingüística e do propio autor, participaron no acto o coordinador científico do CRPIH e coordinador da obra, Manuel González, e mais o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.
Estudo arredor do humorismo cervantino
Neste novo Caderno Ramón Piñeiro, o humorista gráfico, caricaturista e ensaísta ferrolán presenta ‘O Quixote’ como a primeira obra humorística da literatura universal. Segundo Siro, trátase do primeiro estudo no que se explica por que Cervantes crea o humorismo na literatura, un tema que non fora abordado en profundidade ata o de agora. Para explicar como Cervantes crea o humorismo, o autor parte da tese apuntada por Celestino Fernández de la Vega, que explica a través dunha fonda análise sobre a biografía do autor e sobre a sociedade da época nun ensaio estruturado en 12 capítulos.
No primeiro deles ocúpase de cuestións definitorias verbo do que debe entenderse por comicidade, sátira e humorismo, percorrendo estes conceptos en autores como Pío Baroja, Ramón Gómez de la Serna, Wenceslao Fernández Flórez, Julio Casares, Celestino Fernández de la Vega e noutros autores galegos, nomeadamente Castelao. Logo dunha documentada panorámica biográfica sobre as posibles orixes galegas e o vencello sanabrés de Cervantes, estuda as posicións deste ante a crise de Estado e a Contrarreforma da segunda metade do XVI, o seu declarado humanismo e o estreito parentesco do humor cervantino e o erasmista.
‘Humor e humanismo no Quixote’
A cerna do libro concéntrase no capítulo titulado ‘Humor e humanismo no Quixote’, no que Siro López analiza o tránsito de Don Quixote e Sancho desde a comicidade ao humorismo e como este último caracteriza tamén o cura e o barbeiro, Sansón Carrasco, Tomé Cecial e outros personaxes da obra. Así mesmo, descóbrese o que nesta hai de humor absurdo, de humor negro e de fantasía humorística, conectándoos coa crítica social, o lirismo, a risa e a violencia.
Os restantes capítulos da obra abordan temas complementarios aos xa descritos: a análise crítica dos asedios previos sobre o humorismo cervantino asinados por Unamuno ou Teresa Aveleyra Sadowska; o estudo do humorismo en Pirandello; a acuidade de Celestino Fernández de la Vega en ‘O segredo do humor’; as ironías e transcendencia do humorismo de Cervantes; o humor no Lazarillo e na obra de Avellaneda en comparanza co Quixote; o concepto de humorismo en conexión co de caricatura e a autocaricatura humorística en Cervantes; e, por remate, a insuficiente lectura cervantina de Nabokov quen, ao ver do de Ferrol, non chegou a comprender o fondo humorismo do Quixote.
O volume, que se abre cunha ilustración de cuberta do propio autor, principia cun amplo prólogo do ensaísta e catedrático de Filosofía Ramón López Vázquez, quen pon de relevo a importancia do labor levado a cabo por Siro López, contextualízao no conxunto da súa escrita e salienta as súas principais achegas. A obra remata cunha nutrida sección de bibliografía consultada e un pormenorizado índice onomástico, que facilitan a consulta do ensaio ao tempo que o completan.
Autor dunha dilatada obra que o levou a pescudar a presenza e sentido do humorismo en autores como Castelao, Xosé María Cao Luaces, Celestino Fernández de la Vega ou Ramón Piñeiro, Siro López Lorenzo ‘Siro’ (Ferrol, 1943) rematou este traballo sobre o humor na obra de Cervantes no final do pasado ano 2016, coincidindo co cuadricentenario da morte do xenial escritor. Con anterioridade, cadrando cos catrocentos anos da aparición da primeira parte do Quixote, publicou ‘Sobre o humor de Cervantes no Quixote’ (2005), tamén nos Cadernos Ramón Piñeiro.