Nova: Homenaxe ao dramaturgo Varela Buxán co gallo do 30 aniversario do seu pasamento
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
26/03/2017
Homenaxe ao dramaturgo Varela Buxán co gallo do 30 aniversario do seu pasamento
O conselleiro de Cultura loa a esta figura a que califica de "clave" do teatro galego no século XX
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou en Santiago na homenaxe ao dramaturgo Manuel Daniel Varela Buxán, con motivo do 30 aniversario do seu pasamento, nun acto ao que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que precisamente coincide coa véspera da celebración do “Día Mundial do Teatro”.
“Cando falamos de Varela Buxán, falamos do patriarca do teatro galego”, subliñou o conselleiro, que lembrou a traxectoria tanto en Galicia como en Arxentina, onde foi un autor de enorme éxito e, probablemente o dramaturgo máis popular do seu tempo na diáspora. De feito, a produción de Daniel Varela para a ‘Compañía Gallega Maruja Villanueva’ é un dos momentos de maior vitalidade da actividade escénica galega na capital bonaerense, e que o consolidou coma o dramaturgo máis popular do seu tempo na diáspora.
Román Rodríguez destacou o “papel clave” deste home “bo e brillante” no desenvolvemento do teatro galego no século XX. Tamén sobresaíu como dinamizador cultural e lingüístico en Galicia e, sobre todo na comarca de Deza e Tabeirós.
Nado na Estrada en 1909, Manuel Daniel Varela Buxán foi un dinamizador da vida cultural galego, especialmente das Terras do Deza, que o acolleron á súa volta de Arxentina. Non en balde, impulsou a construción na parroquia de Cercio do primeiro local de escola feito pola Administración, así como a constitución da asociación cultural A Carballeira de Cercio. Ademais, creou en Lalín a compañía de teatro Os Labregos, coas que representou diversas obras, e escribiu artigos e colaboracións en diversos diarios e revistas galegas.
Deste xeito, o autor deu continuidade a unha paixón pola dramaturxia que iniciara nos seus anos mozos e que levara consigo a Bos Aires, onde formara en 1938 a Compañía de Arte Regional Gallego Aires da Terra - máis tarde Compañía de Teatro galego Maruxa Villanueva-, coa que estreou tres anos despois no Teatro Mayo da capital bonaerense Os vellos non deben de namorarse, do seu amigo Alfonso D. Rodríguez Castelao.
Entre as súas obras máis salientables están a primeira, Se o sei... non volvo á casa (1938), Pola nosa culpa (1939), Galicia Canta (1939), ¡Por borrachíns! (1940), Taberna sen dono (1941), O brazo partido (1941), As tres maruxas (1941), Meu pai (1941), Triste retorno (1941), O ferreiro de Santán (1941) ou ¿Pista ou peste? (1956). A súa traxectoria valeulle ser obxecto de diferentes homenaxes, entre eles o nomeamento como Fillo Adoptivo de Lalín.