Nova: O CDG amosa a súa sede e os ensaios de Martes de Carnaval no Día Mundial do Teatro
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
27/03/2017
O CDG amosa a súa sede e os ensaios de Martes de Carnaval no Día Mundial do Teatro
Un total de 75 persoas participarán en sete quendas na xornada de portas abertas do Salón Teatro
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiron a celebración do Día Mundial do Teatro na xornada de portas abertas que está a levar a cabo o Centro Dramático Galego na súa sede do Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Deste xeito, uníronse ao grupo de cidadáns que percorreu, en visita guiada e xunto coa directora da compañía pública, Fefa Noia, as distintas dependencias do teatro, desde os camaríns ata a sala de control de luces e son, así como as bambolinas e a maquinaria do escenario.
Saudaron ademais os actores e actrices que están a ensaiar no Salón Teatro o espectáculo ‘Martes de Carnaval’, de Ramón del Valle-Inclán, a actual produción da compañía pública que conta cun elenco integrado por Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta.
Alí, a directora da montaxe, Marta Pazos, explicoulles o proceso xeral da posta en escena, o momento interpretativo no que se atopa e o plan de traballo cara á estrea o próximo 20 de abril desta produción composta por dúas pezas do autor arousán: ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.
Que se agocha tras o pano?
Ao longo da mañá e da tarde, un total de 75 persoas repartidas en sete quendas terán realizado esta visita ao Salón Teatro, nunha xornada de portas abertas presentada baixo o título ‘Que se agocha tras o pano’ e organizada especialmente para conmemorar o 27 de marzo, día instituído pola UNESCO en 1961 para celebrar e reivindicar internacionalmente a importancia do teatro na sociedade. Precisamente foi tamén un 27 de marzo, en 1984, cando se creou o Centro Dramático Galego, hai hoxe 33 anos.
A visita, de 45 minutos de duración, remata na sala da biblioteca, onde os asistentes participan no sorteo de exemplares de dous libros: a antoloxía teatral ’40 anos daquel abrente’ e ‘Tartufo’, o primeiro número da colección do CDG ‘O papel do teatro’.