Nova: Ler conta moito leva ás bibliotecas máis de 750 actividades para dinamizar a lectura
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
27/03/2017
Ler conta moito leva ás bibliotecas máis de 750 actividades para dinamizar a lectura
Sesións de contacontos participativos, obradoiros de poesía, de ciencia ou de arte, narracións musicadas, conversas con autoras e autores ou encontros con ilustradores forman parte deste programa dirixido a públicos diversos, con especial atención aos máis novos
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017.- O programa Ler conta moito, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, levará ao longo de 2017 máis de 750 actividades de dinamización da lectura ás bibliotecas públicas municipais espalladas por todo o territorio galego.
Trátase dun “programa para espertar o interese pola lectura e para achegar a cidadanía ao espazo da biblioteca”, tal como o presentou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no marco de O Xigante, unha actividade de Ler conta moito para público familiar, que se desenvolveu, coincidindo co Día do Teatro, na narración do actor Gonçalo Guerreiro, na Biblioteca Pública Municipal de Brión.
Ademais da de Brión, outras bibliotecas municipais de concellos como Pazos de Borbén, Cambados, Redondela, Touro, Irixoa, As Pontes da García Rodríguez, Antas de Ulla, Allariz, Cedeira, Alfoz, Cangas de Morrazo, Cerceda, Vilagarcía de Arousa, Teo, Maceda, Rodeiro, Ribas de Sil, Fene, Celanova, Corcubión, Rianxo, Sada, Miño, Ribeira, Caldas de Reis, O Grove e Catoira acollerán esta mesma semana actividades de Ler conta moito.
Formatos creativos para promover a lectura
Sesións de contacontos participativos, obradoiros de poesía, de ciencia ou de arte, narracións musicadas, conversas con autoras e autores ou encontros con ilustradores son algunhas das actividades deste programa dirixido a públicos diversos, con especial atención aos máis novos. ‘Brinca vai!’, con Paco Nogueiras, a ‘Poesía musicalizada’, de Manoele de Felisa, a divulgación científica de ‘Efervesciencia’ ou ‘Rosa Caramelo e outras historias’, de Talía Teatro, son algunhas das protagonistas destas primeiras semanas.
Con esta diversidade de formatos e atención a intereses diferentes, a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.
Incremento anual da programación
Ler conta moito, que vai este ano pola súa quinta edición, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e en colaboración coas entidades locais, incorporou en 2017 algunhas novidades. Así, ademais do incremento do volume total de actividades programadas, estas están na súa totalidade dirixidas ás bibliotecas públicas e axencias de lectura municipais, fronte ás convocatorias anteriores que incluían as actividades programadas nas bibliotecas públicas de xestión autonómica.
Programación
As actividades do programa poden consultarse na rede, na Axenda de Cultura de Galicia www.cultura.gal/gl/axenda ou na páxina da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia http://rbgalicia.xunta.gal/gl/recursos-para-profesionais/ler-conta-moito. No transcurso do programa, as bibliotecas tamén comparten o relato das actividades realizadas no blog http://blogs.xunta.gal/lercontamoito/ .