Nova: O Museo das Peregrinacións acolle a máis de 70 xestores do Patrimonio Mundial Ibérico
29/03/2017
O Museo das Peregrinacións acolle a máis de 70 xestores do Patrimonio Mundial Ibérico
Será no marco do VI Encontro Ibérico, onde se debaterá sobre o impacto do turismo nestes bens sobranceiros
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017.- Máis de 70 especialistas e responsables da xestión dos bens culturais máis sobranceiros de España e Portugal reúnense até o vindeiro venres no Museo das Peregrinacións e de Santiago no marco do VI Encontro Ibérico de Xestores do Patrimonio Mundial, organizado pola Dirección Xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en colaboración co Consorcio, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia.
Serán tres xornadas de traballo e debate orientadas a avaliar e analizar casos prácticos sobre o impacto do turismo no Patrimonio Mundial. Ao respecto, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou na inauguración que se deben de aplicar as estratexias e metodoloxías precisas para buscar o equilibrio entre a actividade turística e a xestión do patrimonio, “dous ámbitos que puideran semellar antitéticos pero que, en realidade, –en palabras de Rodríguez– son ou deberían ser complementarios.”
Actividade económica en auxe
Así mesmo, o titular de Cultura explicou que o turismo cultural é “unha actividade económica en auxe, non so na nosa comunidade, senón no conxunto da península ibérica” e lembrou que, no seu conxunto, a nosa península goza dun total de 60 sitios inscritos na lista do Patrimonio Mundial, 15 de Portugal e 45 de España, o que sitúa este ámbito xeográfico no primeiro escano en canto a recoñecemento de valor universal excepcional.
O conselleiro rematou destacando “a importancia da misión social e cultural dos participantes neste encontro” e lembrou que nas súas decisións recae a transmisión nas mellores condicións posibles duns legados que contan coa estima de ser dignos de ser preservado como testemuño dun valor universal excepcional para a humanidade.
Na devandita inauguración do encontro participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega Varela; o director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural de España, Luis Lafuente Batanero; a representante da Comisión Nacional de UNESCO Portugal, Maria de Lurdes Serpa Carvalho; e o representante da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Portugal, Manuel Lacerda.