Nova: O Museo de Belas Artes achégase "á fascinante historia das vivendas de baixo custo" do pasado século

29/03/2017

O Museo de Belas Artes achégase "á fascinante historia das vivendas de baixo custo" do pasado século

Comisariada por Pedro de Llano, ‘California Dreaming’ artéllase a través das biografías de dez arquitectos que traballaron na zona de California entre 1920 e 1950 nunha iniciativa pioneira de construción de casas funcionais e económicas

Organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, co apoio do museo e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a mostra inaugurarase o xoves 30 de marzo ás 20:30 horas e poderá visitarse ata o 4 de xuño

É a primeira vez que unha institución cultural presenta este tema en España
 

A Coruña, 29 de marzo de 2017.- O Museo de Belas Artes da Coruña abre as portas dunha nova exposición temporal, na que ofrece “unha fascinante historia da vivenda de baixo custo a través de dez insólitas biografías”. Este é o subtítulo da mostra ‘California Dreaming’, que aborda un tema descoñecido da arquitectura e do deseño da segunda metade do século XX, tendo en conta que os arquitectos representados son referentes na arquitectura dos nosos días.

‘California Dreaming’ achégase dun xeito diferente ao mundo da arquitectura doméstica en tempos de crise, mediante a divulgación dunha serie de deseños considerados referentes do sentido común e da innovación, realizados por arquitectos que traballaron na zona de California entre os anos 1920 e 1950 no marco dunha iniciativa pioneira que se desenvolveu para facer vivendas unifamiliares funcionais e económicas: o Case Study Houses Program.

A través de dez biografías, entre as que se inclúen a do arquitecto Rudolph Schindler, iniciador do movemento, a do seu continuador Gregory Ain ou a do gran promotor e impulsor daquela corrente, John Entenza, ‘California Dreaming’ presenta esta experiencia arquitectónica baseada en formulacións sustentables e racionais.

O museo, espazo para a reflexión arquitectónica

“Esta idea de desenvolver modelos arquitectónicos adaptados ás necesidades e ás circunstancias de vida, desde a racionalización dos recursos, non sendo unha reflexión nova no mundo da arquitectura, o certo é que non é en absoluto frecuente no espazo museístico nin no discurso que habitualmente transcende do deseño arquitectónico contemporáneo”, afirmou esta mañá Anxo Lorenzo na presentación da mostra, xunto co seu comisario, Pedro de Llano, e da directora do museo, Ángeles Penas.

Unha mostra “orixinal e pegada á actualidade”

Nese sentido, asegurou que “estamos ante unha mostra orixinal e pegada á actualidade, pola necesidade que existe de reinventar as maneiras de construír novos espazos habitables para o común da sociedade, tirando o máximo rendemento da investigación e do coñecemento, para asentar un modelo de vivenda accesible e dirixida a mellorar a calidade de vida de todas as persoas”. “É importante que esas reflexións cheguen ao conxunto do público; e esa é a contribución principal que cada exposición ofrece para o desenvolvemento cultural da sociedade”, concluíu.

Organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, co apoio do museo e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, xunto co patrocinio de Sutega, a mostra inclúe 50 paneis, unha ducia de maquetas realizadas por alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e catro elementos audiovisuais de apoio expositivo, xunto con mobles deseñados por algúns dos arquitectos participantes na mostra.

A exposición poderá visitarse desde o 30 de marzo ata o 4 de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña. O acto de inauguración, que terá lugar mañá ás 20:30 horas, contará cunha proxección sobre a temática da mostra, acompañada da actuación simultánea do grupo Malasombra Jaz.

Comparte