Nova: A Agadic convoca as subvencións á distribución de espectáculos e promoción exterior

30/03/2017

A Agadic convoca as subvencións á distribución de espectáculos e promoción exterior

En 2016 apoiáronse 520 actuacións escénicas e musicais en 21 países de todo o mundo, así como en diferentes localidades galegas e españolas
 

Santiago, 30 de marzo de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para as industrias culturais por un importe total de 435.000 euros. Esta contía supón un incremento de 15.000 euros respecto a 2016, mantendo así a liña ascendente na súa dotación, que xa o ano pasado aumentara un 20 por cento respecto a 2015. As bases para os festivais poden consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170330/AnuncioG1097-160317-0001_gl.html; mentres que para distribución no enderezo https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170330/AnuncioG1097-170317-0001_gl.html .

A través desta liña de apoio, a Xunta contribúe á exhibición de espectáculos galegos profesionais dentro e fóra da nosa Comunidade, así como á promoción exterior dos nosos produtos culturais en mercados e feiras de carácter internacional. Trátase, en definitiva, de favorecer a internacionalización das nosas industrias culturais cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior proxección do seu traballo e dos seus produtos.

De feito, as axudas do ano pasado destináronse a 520 actuacións escénicas e musicais en 21 países, así como en diferentes localidades galegas e españolas, ademais de a apoiar a actividade promocional desenvolvida por empresas culturais galegas nunha trintena de mercados profesionais dedicados principalmente aos sectores da música, o teatro e a arte contemporánea.

Entre os solistas, grupos musicais e compañías escénicas que o ano pasado contaron con axuda para as súas actuacións fóra de Galicia atópanse nomes como Carlos Núñez, Furious Monkey House, Vaamonde, Lamas e Romero, Davide Salvado, Vacas, Uxía & Narf, Cuarteto Caramuxo, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Leilía, Luar na Lubre, Producións Teatráis Excéntricas, O Retrete de Dorian Grey, Ibuprofeno Teatro, Voadora, Eme2, Antón Coucheiro, Pistacatro, AirenoAr, Traspediante ou Pisando Ovos, entre outros.

Prazo de solicitude

O prazo de solicitude desta convocatoria, inserida dentro do programa xeral de axudas da Agadic ás industrias culturais, esténdese desde o 31 de marzo e ata o vindeiro 31 de agosto para aquelas actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017. A súa concesión é automática e realízase por orde de entrada, atendendo todas aquelas solicitudes que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata o esgotamento do orzamento de 435.000 euros.

Para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe presentarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.

Catro modalidades

Mantense, como en anos anteriores, a clasificación destas subvencións en catro modalidades. As tres primeiras delas, para as que se reserva un orzamento de 335.000 euros, están dirixidas a accións que se realicen fóra de Galicia (distribución de espectáculos escénicos e musicais, representación de espectáculos de artes escénicas e de música en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais), mentres que a cuarta destínase a apoiar proxectos de distribución escénica dentro da nosa Comunidade.

Neste último caso, insírese como novidade este ano que cando menos a metade das funcións incluídas nas propostas de distribución debe levarse a cabo en escenarios fóra da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto cofinaciado pola Agadic e as entidades xestoras de máis de 40 espazos asociados. Deste xeito, búscase favorecer unha maior descentralización da oferta escénica na nosa Comunidade para chegar ao maior número posible de cidadáns.
 

Comparte