Nova: O novo libro do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea divulga a obra de Jon Gorospe

30/03/2017

O novo libro do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea divulga a obra de Jon Gorospe

O autor ve publicado o seu proxecto ‘Environments’, co que gañou a cuarta edición deste certame promovido polo festival Outono Fotográfico co apoio da Consellería de Cutura e da Deputación de Lugo

Ourense, 30 de marzo de 2017.- A Galería Photo Art de Ourense acolleu a presentación do libro do IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que recolle o traballo ‘Environments’, co que Jon Gorospe se fixo coa última edición deste certame. Trátase do novo volume da colección de libros de fotografía do Outono Fotográfico (OF), festival que promove o premio coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación Provincial de Lugo.

O galardón do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea tradúcese na realización dunha exposición itinerante co traballo gañador, ademais da publicación dun libro coas reproducións das obras. Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “o atinado deste modelo certifícao o feito de que en cada nova edición se presenten máis proxectos procedentes de distintos países e de que vaia adquirindo un peso cada vez maior entre os fotógrafos profesionais, con participación de autores cada vez máis relevantes, interesados nesta oportunidade de visibilidade e de publicación das súas obras”.

"Desde a Consellería de Cultura e Educación vimos acompañando ese camiño que compartimos cos organizadores na concepción do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que é xustamente o de garantir que o premio sirva en si mesmo como escaparate das obras”, asegurou Anxo Lorenzo durante a presentación do libro, na que tamén participaron o autor da obra, o presidente da Fundación Benito Losada, Xosé Lois García; o coordinador do premio, Vítor Nieves; e a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Pilar García Porto.

Unha mirada crítica

O traballo de Jon Gorospe achega unha singular revisión sobre a relación da sociedade cos residuos que se producen no planeta. Nese sentido, preséntase como “unha mirada crítica que nos fai pensar sobre como integramos ou agochamos planificadamente, detrás de barreiras que imos construíndo, o que rexeitamos, o noso propio refugallo”, dixo o secretario xeral, quen confiou na contribución do libro para dar a coñecer o traballo de Gorospe e para ampliar socialmente o acceso ás propostas creativas dos nosos días, neste caso desde a arte da fotografía”.

 

Novos espazos para a creación contemporánea

Promovido polo festival Outono Fotográfico co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación de Lugo, o certame ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Así mesmo, pretende promover a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico, mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores e de autoras tanto nacionais como estranxeiros

Comparte