Nova: O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017 difunde máis de 100 títulos en galego no mercado internacional
31/03/2017
O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017 difunde máis de 100 títulos en galego no mercado internacional
Cultura e Gálix coeditan esta publicación trilingüe para dar a coñecer no exterior as novidades editoriais galegas dirixidas ao público máis novo
A obra distribuirase na Feira Internacional do Libro de Boloña do 3 ao 6 de abril, onde o sector editorial galego contará cun stand propio para a realización de reunións comerciais e de actividades cos ilustradores Santy Gutiérrez e Nuria Díaz
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2017.- O catálogo de ‘Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017’ reúne un total de 109 títulos en galego publicados no último ano por 23 entidades para os lectores máis novos. A obra, coeditada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e pola Secretaría Xeral de Cultura, co apoio da Asociación Galega de Editoras (AGE), ten como obxectivo dar a coñecer no mercado internacional as últimas novidades editoriais galegas dirixidas ao público infantil e xuvenil, para o que ofrece información en galego, castelán e inglés de cada obra, que se acompaña con ilustracións.
Nas vésperas do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra o 2 de abril, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente de Gálix, Xosé A. Perozo; o vicepresidente da AGE, Henrique Alvarellos; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Sergio Covelo; e a ilustradora Nuria Díaz deron a coñecer esta mañá o novo catálogo, que “constitúe unha carta de presentación do sector editorial galego no mercado exterior, nomeadamente na feira máis importante do mundo de literatura infantil e xuvenil, a Feira do Libro de Boloña”.
Un escaparate internacional para a LIX
Así o explicou Anxo Lorenzo, quen recordou que Galicia participará do 3 ao 6 de abril neste encontro internacional cun stand propio de 36 metros cadrados, co que se pon ao dispor dos creadores e dos editores galegos que asisten á feira un espazo para a realización de reunións comerciais con axentes do sector procedentes de todo o mundo, así como para a exhibición das últimas novidades editoriais galegas.
Concretamente, o stand servirá de escaparate para as obras máis recentes de Hércules de Ediciones, de Baía Edicións, de Edicións Xerais de Galicia, de Urco Editora, da Editorial Galaxia, de Alvarellos Editora, de Kalandraka Editora, de Ediciones Bolanda, de Nova Galicia Edicións, de OQO editora e de Bululú Editorial, ademais de ofrecer materiais divulgativos sobre o sector editorial galego e información de interese a través de persoal de atención ao público.
A ilustración galega na Feira do Libro de Boloña
A ilustración galega tamén será protagonista en Boloña cos creadores Nuria Díaz e Santy Gutiérrez, que realizarán no stand de Galicia diversas sesións de ilustración en directo durante os días 4 e 5 de abril. Ademais, o stand ofrecerá unha exposición permanente con obras dalgúns dos membros da AGPI, como Manel Cráneo, Almudena Aparicio, Alberto Guitián, Marina Seoane, Ana Castiñeira, Iria Fafián e Bea Lema, entre outros.