Nova: As axudas para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas benefician a 113 concellos
02/04/2017
As axudas para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas benefician a 113 concellos
Estas subvencións de Cultura, dotadas con 350.000 para a compra de libros, material sonoro e recursos electrónicos, complétanse cunha liña de axudas específica de 200.000 euros para a adquisición de novidades editoriais en lingua galega
Ademais, a Consellería destina este ano para a mellora das coleccións bibliográficas e para a realización de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas de xestión autonómica de Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Pontevedra 336.000 euros, un 14,2% máis que en 2016
A Rede de Bibliotecas de Galicia incrementa o número de centros integrados coas incorporacións da biblioteca municipal de Moeche e da Florencio Delgado Gurriarán do Barco de Valdeorras
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2017.- Un total de 113 concellos das catros provincias galegas benefícianse da liña de subvencións convocada este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Cultura– para a mellora das coleccións das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.
As axudas, que oscilan entre os 1.176,97 e os 7.356,02 euros por concello, están dirixidas á mellora dos fondos bibliográficos das bibliotecas e axencias de lectura municipais, a través da compra de libros –tanto para público infantil e xuvenil como libro adulto–, material sonoro, en CD ou vinilo; videogravacións en formato DVD ou Blu-ray, recursos electrónicos, partituras e material cartográfico, para o préstamo a domicilio, a súa consulta en sala ou en rede. A resolución cos municipios beneficiarios pode consultarse aquí.
Co fin de manter actualizados os fondos que configuran as coleccións da Rede de Bibliotecas, a Secretaría Xeral dotou esta liña de axudas en 2017 cun total de 350.000 euros, o que supuxo un importante incremento orzamentario respecto da anterior convocatoria, dotada con 176.420 euros para as anualidades 2015-2016. Como novidade desde a súa posta en marcha, en 2014, este ano puideron optar a estas axudas todos os concellos de Galicia, con independencia da súa poboación.
Máis fondos para reforzar os servizos das bibliotecas centrais
Ademais, para mellorar as coleccións bibliográficas e para a realización de actividades de dinamización cultural, nomeadamente de dinamización da lectura, nas bibliotecas públicas de Santiago Ánxel Casal, de Vigo Juan Compañel, de Pontevedra Antonio Odriozola, da Coruña Miguel González Garcés e mais de Lugo e de Ourense –de xestión autonómica– Cultura destina este ano un orzamento de 336.000, o que supón un incremento do 14,2% respecto de 2016, ano no que se destinaron 294.000 euros.
Adquisición de novidades editoriais en galego
Finalmente, para mellorar as coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e para lles dar resposta ás necesidades dos usuarios e usuarias das bibliotecas públicas municipais, tamén se convocou este ano unha liña de subvencións de 200.000 euros dirixida aos concellos para a adquisición de novidades editoriais en lingua galega.
Novas incorporacións á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
As bibliotecas e servizos bibliotecarios públicos de Galicia organízanse na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que coordina a Subdirección Xeral de Bibliotecas da Secretaría Xeral de Cultura. Forman parte desta rede as sete bibliotecas de xestión autonómica, as máis de 350 bibliotecas de titularidade pública local dependentes de concellos ou entidades públicas locais e outras nove bibliotecas públicas e de titularidade privada. As últimas incorporacións á Rede foron as da biblioteca pública municipal Florencio Delgado Gurriarán, do Barco de Valdeorras, e mais a biblioteca pública municipal de Moeche, que se integraron a través das ordes de 9 de marzo de 2017 publicadas esta semana no Diario Oficial de Galicia.