Nova: A ilustración galega dá a coñecer o seu traballo no exterior
05/04/2017
A ilustración galega dá a coñecer o seu traballo no exterior
Nuria Díaz e Santy Gutiérrez realizan sesións de ilustración no stand de Galicia na Feira do Libro de Boloña, onde tamén se exhibe unha exposición con obras dos membros da AGPI
Cultura apoia a participación do libro galego neste encontro profesional de referencia da literatura infantil para reforzar a internacionalización do sector
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017.- Os ilustradores galegos amosan estes días o seu traballo na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, un evento profesional de referencia en todo o mundo onde se dan cita os principais axentes do sector editorial. Para dar a coñecer a creatividade galega, o stand de Galicia, coordinado pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración coa Asociación Galega de Editoras (AGE), acolle ata o 6 de abril diversas sesións de ilustración en directo a cargo de Nuria Díaz e Santy Gutiérrez, ambos os dous membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
O traballo doutros 30 membros da AGPI, entre eles, Manel Cráneo, Almudena Aparicio, Ana Castiñeira, Kristina Sabaite Cristal Reza, Alberto Guitián, Pedro Díaz, Marina Seoane, Carlos Silvar, Javi Montes, Marta Álvarez, Minia Regos, Iria Fafián, Perrilla, Carlos Rodil e Bea Lema, pode verse tamén a través dunha exposición no stand de Galicia, ata o 6 de abril, día no que remata este encontro profesional que se desenvolve na cidade italiana de Boloña desde o pasado 3 de abril.
Ademais de dar a coñecer o labor creativo das ilustradoras e dos ilustradores galegos, o stand de Galicia preséntase como un escaparate para amosar as últimas novidades dalgunhas das principais editoras de Galicia, como é o caso de Hércules de Ediciones, de Baía Edicións, de Edicións Xerais de Galicia, de Urco Editora, da Editorial Galaxia, de Alvarellos Editora, de Kalandraka Editora, de Ediciones Bolanda, de Nova Galicia Edicións, de OQO editora e de Bululú Editorial.
O encontro máis relevante do libro infantil e xuvenil
De carácter profesional, a Feira do Libro de Boloña está considerada como o encontro internacional de maior relevancia no ámbito da literatura para o público máis novo. Nun recinto cunha superficie de 20.000 m2, danse cita numerosos axentes do sector –libreiros, editores, autores, ilustradores, impresores, axentes literarios etc.–, cos obxectivos de comprar e vender dereitos, de explorar novas oportunidades de negocio, de reforzar relacións comerciais e de coñecer as novidades no libro infantil e xuvenil.
O sector editorial galego vén participando desde hai anos nesta feira, á que acode co apoio de Cultura e Educación. Para impulsar a proxección exterior da industria do libro de Galicia, a Consellería tamén promove este ano a asistencia ás feiras do libro de Frankfurt, de Buenos Aires, de Guadalaxara (México) e mais a Liber.