Nova: O sector editorial galego explora novas vías de negocio na Feira do Libro de Boloña
03/04/2017
O sector editorial galego explora novas vías de negocio na Feira do Libro de Boloña
Galicia participa neste encontro de referencia da literatura infantil e xuvenil
Kalandraka, OQO, Hércules de Ediciones, Baía Edicións, Xerais, Urco Editora, Galaxia, Alvarellos, Bolanda, Nova Galicia Edicións e Bululú Editorial exhiben as súas novidades no stand de Galicia, que durante estes días acollerá reunións comercias dos profesionais galegos con axentes do sector doutros países
Para dar a coñecer a produción editorial galega dirixida ao público máis novo, Cultura e Gálix difunden na feira un catálogo con máis de 100 títulos en galego
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2017.- O sector editorial galego participa ata o 6 de abril na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, un encontro profesional de referencia que reúne os principais axentes do sector. Faino co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras (AGE), que pon ao dispor dos profesionais galegos un stand no que exhibir as últimas novidades para o público lector máis novo, así como para a realización de reunións comerciais que favorezan a internacionalización do sector a través de novas oportunidades de negocio con axentes procedentes de diversos países do mundo.
Concretamente, o stand de Galicia amosará durante os catro días nos que se desenvolve a feira as obras máis recentes para o público infantil e xuvenil de Hércules de Ediciones, de Baía Edicións, de Edicións Xerais de Galicia, de Urco Editora, da Editorial Galaxia, de Alvarellos Editora, de Kalandraka Editora, de Ediciones Bolanda, de Nova Galicia Edicións, de OQO editora e de Bululú Editorial, ademais de ofrecer materiais divulgativos sobre o sector editorial galego e información de interese a través de persoal de atención ao público.
Entre o material co que se divulga a produción editorial galega na feira destaca o novo catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017, unha obra en versión trilingüe –galego, castelán e inglés– coeditada pola Xunta de Galicia e pola Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (Gálix), en colaboración coa AGE, que inclúe 109 títulos en galego publicados por 23 entidades no último ano. A versión electrónica do catálogo tamén está accesible na web de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/catalogo-libros-infantis-xuvenis-galicia-2017
Escaparate para a ilustración galega
Ademais de servir como punto de exhibición das novidades editoriais e de realización de xuntanzas profesionais, o stand de Galicia será o escenario de diversas actividades e propostas para dar a coñecer o talento e a calidade das ilustradoras e dos ilustradores galegos. Con este obxectivo, expóñense nunha mostra permanente traballos de creadores e de creadoras como Manel Cráneo, Almudena Aparicio, Cristal Reza, Alberto Guitián, Marina Seoane, Carlos Silvar, Ana Castiñeira, Kristina Sabaite, Javi Montes, Minia Regos, Iria Fafián, Perrilla, Carlos Rodil, Bea Lema e Nuria Díaz. Esta última, xunto con Santy Gutiérrez, realizarán no stan diversas sesións de ilustración en directo os días 4 e 5 de abril.
Novas oportunidades de negocio no exterior
Para favorecer a internacionalización do sector editorial de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación tamén apoiará este ano a participación do libro galego nas feiras internacionais de Buenos Aires (do 25 de abril ao 15 de maio), de Frankfurt (do 11 ao 15 de outubro) e de Guadalaxara (México, do 25 de novembro ao 3 de decembro), ademais de na feira Liber, en Madrid (do 4 ao 6 de outubro).