Nova: Diálogos no acervo achégalle ao público galego a creación contemporánea portuguesa
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
08/04/2017
Diálogos no acervo achégalle ao público galego a creación contemporánea portuguesa
A mostra exponse no Centro Cultural do Camões en Vigo
Vigo, 8 de abril de 2017.- Amosar, a través da arte contemporánea, como conviven no acervo as varias representacións da paisaxe é o principal obxectivo da exposición ‘Diálogos no acervo’, unha mostra promovida pola Fundación Bienal Internacional de Arte de Cerveira que se pode visitar desde hoxe e ata o 8 de maio no Centro Cultural do Camões en Vigo.
A mostra foi inaugurada esta tarde polo presidente da fundación e da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira; polo vicecónsul de Portugal en Galicia, Manuel Correia; pola responsable do centro cultural, Carla Sofía Amado; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o interese do proxecto para lle achegar ao público galego as propostas contemporáneas das creadoras e dos creadores portugueses. As artes plásticas preséntanse nesta exposición, segundo precisou, como unha canle valiosa para tender novas pontes entre Galicia e Portugal, que permitan reforzar o coñecemento mutuo da realidade cultural de ambos os pobos.
Con este mesmo obxectivo de impulsar o diálogo cultural galego-portugués, o secretario xeral recordou as iniciativas que veñen impulsando conxuntamente a Xunta de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal para potenciar a creatividade, a promoción e a visibilidade de proxectos culturais comúns entre os dous territorios, a través do programa Nortear.
Unha vintena de obras
A exposición ‘Diálogos no acervo’ reúne unha selección de 20 obras de arte contemporánea –cadros, fotografía e escultura– da Fundación Bienal Internacional de Arte de Cerveira a través das que Américo Silva, Artur Bual, Artur Moreira, Cabral Pinto, Dacos, Deborah Engel, Emília Viana, Henrique Silva, Isaque Pinheiro, Jaime Isidoro, João Antero, Johanna Speidel, Laura Gorski, Leonor Serpa Branco, Maria do Céu Diel, Rui da Rosa e Samuel Rama propoñen diferentes lecturas arredor das representacións da paisaxe no marco do acervo.
A mostra estará aberta ao público ata o 4 de maio na sala de exposicións do Centro Cultural do Camões en Vigo de mércores a venres entre as 17:00 e as 20:00 horas, e os sábados e domingos de 12:00 a 14:30 horas (excepto a fin de semana de Pascua).