Nova: A Cidade da Cultura oferta visitas arquitectónicas e ata catro exposicións nesta semana festiva
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
13/04/2017
A Cidade da Cultura oferta visitas arquitectónicas e ata catro exposicións nesta semana festiva
Todos os días ás 11 parte do Museo Centro Gaiás visitas guiadas para coñecer polo miúdo o complexo deseñado por Peter Eisenman
Os visitantes que se acheguen ao Gaiás poderán descubrir de balde a exposición ‘Da árbore á cadeira’, as mostras ‘Balnearia Bibliográfica’ e ‘Mulleres Sobranceiras’ na Biblioteca de Galicia e ‘A liña Hejduk’ nas torres
Santiago de Compostela, 13 de abril 2017.-A Cidade da Cultura de Galicia oferta para esta semana festiva un atractivo programa de actividades que inclúe visitas guiadas diarias na que descubrir a arquitectura do complexo deseñado por Peter Eisenman e ata catro exposicións, todo con entrada de balde.
Desde hoxe e ata o domingo, os visitantes que se acheguen ao Gaiás poderán coñecer máis polo miúdo os catro edificios que conforman a Cidade da Cultura –Museo Centro Gaiás, Biblioteca e Arquivo de Galicia, Centro de Emprendemento e Centro de Innovación Cultural-, o proxecto de Eisenman e os espazos verdes a través duns percorridos guiados ao complexo. As visitas, totalmente de balde, saen ás 11 da mañá desde o Museo Centro Gaiás e non é preciso reservar praza. E para os que nos visitan de fóra, a mesma visita sae ás 12 horas do Museo pero en inglés.
Visitas comentadas a ‘Da árbore á cadeira’
Ademais, durante estes días, a Cidade da Cultura conta con catro exposicións para que os visitantes se acheguen ao patrimonio galego. Así, de 10 a 20 horas, poden descubrir no Museo Centro Gaiás a mostra ‘Da árbore á cadeira’, unha viaxe sensorial que vai desde o patrimonio natural ao deseño de moble contemporáneo. Para descubrila polo miúdo, o Gaiás oferta visitas comentadas á mostra en dúas quendas ao día: 12:30 e 17:30, que tamén son de balde e para as que non fan falta reservar.
Recentemente inaugurada, ‘Da árbore á cadeira’ está comisariada por Carlos Seoane e inclúe pezas de ata 36 deseñadores e arquitectos contemporáneos. Partindo dos tres pioneiros –Díaz Pardo, Bar Bóo e De la Sota-, a mostra inclúe cadeiras de grandes nomes como Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Bucetaou Iñaki Leite.
Previamente, o visitante entrará en diálogo cos bosques a través da súa compoñente artística, cultural e identitaria. A ollada persoal de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, José Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez mestúranse no primeiro andar do Museo Centro Gaiás coa visión que do bosque tiveron grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. Unha vinculación home-territorio que tamén se plasma a través das árbores centenarias da finca Galega de Alfoz ou a colección de troncos de Xaquín Lorenzo, Xocas.
Patrimonio téxtil e de augasminerais
A oferta complétase coas dúas mostra que ofrece a Biblioteca e Arquivo de Galicia. ‘Balnearia Bibliográfica. Un percorrido polas augas minerais de Galicia’ expón 150 pezas orixinais relacionadas co mundo das augas termais e minerais a través de libros, revistas, carteis e ilustracións, mapas, postais e obxectos de uso cotián.
Por outra banda, o visitante pode descubrir a figura da deseñadora María Moreira e o seu papel clave no téxtil galego a través da mostra ‘Mulleres Sobranceiras’, na que se exhiben pezas procedentes do arquivo persoal da propia Moreira.
A última das visitas pasan polas Torres Hejduk, onde a artista Irma Álvarez-Laviada nos descubre unha terceira torre invertida a través da intervención artística ‘A liñaHejduk’.
Descanso nas zonas verdes
Xunto á actividade cultural, todas as persoas que se acheguen ao Gaiás poderán gozar dos espazos verdes que rodean ao complexo. Os case 5 quilómetros de sendas verdes permitiralles gozar do Bosque de Galicia e descubrir novas vistas da cidade de Compostela, ademais de gozar das letras no Xardín Literario e descansar no Parque do Lago.