Nova: Unha exposición amosa a relación de Cela co mundo da vinicultura
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
20/04/2017
Unha exposición amosa a relación de Cela co mundo da vinicultura
'Camilo José Cela. O eloxio do viño dun Nobel’ amósase nas instalacións da Moireira de Bodegas Marqués de Vizhoja (Arbo) e reune diversos obxectos persoais do escritor, entre eles, botellas dedicadas por figuras como Picasso, Miró ou Hemingway
Arbo (Pontevedra), 20 de abril de 2017.- A exposición ‘Camilo José Cela. O eloxio do viño dun Nobel’ aborda a representación da cultura do viño na obra do escritor, ao tempo que se achega á súa figura a través do perfil de embaixador dos viños galegos e españois. Promovida por Bodegas Marqués de Vizhoja, a mostra conta co apoio da Fundación Pública Camilo José Cela, que cedeu para a ocasión diversos obxectos persoais do escritor, entre eles, varias botellas do propio Cela dedicadas por personaxes como Picasso, Miró, Celso Emilio Ferreiro, Vicente Aleixandre ou Hemingway.
Ata o vindeiro 18 de xuño, a exposición, comisariada por Ceres Serea, poderá visitarse en Arbo, nas instalacións da Moireira de Bodegas Marqués de Vizhoja, onde tivo lugar hoxe a inauguración. Durante o acto, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o interese do proxecto para dar a coñecer entre a cidadanía as diversas facetas do escritor padronés, así como para a difundir a súa obra desde perspectivas diferentes.
Así mesmo, o secretario xeral agradeceu a implicación de Marqués de Vizhoja na celebración do centenario de Cela, que, segundo recordou, contou coa colaboración de numerosas institucións públicas e tamén privadas. Tamén interviron no acto de inauguración o presidente de Marqués de Vizhoja, Jorge Peláez, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
“O eloxio do viño”
A partir de “O eloxio do viño”, título empregado por Cela en varias das súas creacións dedicadas a gabar as múltiples calidades dos produtos extraídos da vide, a exposición ofrece unha análise dos distintos aspectos nos que a cultura do viño inflúe na sociedade da súa época, poñendo como exemplo vivencias do propio autor.
Plumas estilográficas de Cela, uns anteollos do escritor e unha réplica en bronce da man dereita do premio Nobel son algunhas das pezas que conforma a exposición, unha iniciativa que se enmarca na ampla programación de actividades que ao longo de 2016, e con continuidade neste ano, se veñen realizando para conmemorar o centenario do nacemento do premio Nobel galego.