Nova: As rúas de Ourense serán escenario do festival Piano Meeting

28/04/2017

As rúas de Ourense serán escenario do festival Piano Meeting

Trátase dun proxecto pioneiro de concertos de piano na rúa no que se mesturarán pianistas nacionais, internacionais, afeccionados e xente sen case coñecementos musicais

A Praza Maior, As Burgas, o Xardín do Posío e a rúa do Paseo serán os escenarios para que catro pianos soen de maneira ininterrompida de 12.00 ata as 20.30 horas

O obxectivo é situar a Ourense no mapa con este tipo de evento que ofrece música en espazos atípicos e, ao mesmo tempo, dinamizar a cidade

A Consellería de Cultura e Educación colabora cunha achega de 10.000 euros a través da Secretaría Xeral de Cultura
 

Ourense, 28 de abril de 2017.- O Festival Piano Meeting 2017 de Ourense, que está previsto se celebre na cidade das Burgas o vindeiro mes de setembro, presentousede xeito oficial. Trátase dun proxecto cultural pioneiro a nivel estatal e consistirá nun festival de pianos na rúa no que se mesturarán pianistas nacionais, internacionais, afeccionados e xente sen case coñecementos musicais. A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou xunto co alcalde do concello ourensán, Jesús Vázquez Abad, na rolda de prensa na que se detallaron as principais características e ofertas deste festival.

O encontro conta co apoio, entre outras entidades, da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Díaz Mouteira enmarcou a colaboración con Piano Meeting na aposta do Goberno galego por apoiar todo tipo de proxectos que contribúen á dinamización cultural das vilas e cidades galegas. En concreto, este festival recibe unha achega de 10.000 euros.

O Festival Piano Meeting é unha iniciativa cultural que consiste en sacar simultaneamente 4 pianos á rúa e que soarán de maneira ininterrompida de 12.00 ata as 20.30 horas en espazos emblemáticos da cidade: Praza Maior, Xardín do Posío, As Burgas e a rúa do Paseo. “Unha nova oferta cultural que a través da música promove o encontro dos cidadáns co espazo urbano. É un esforzo por abrir espazos atípicos para a cultura na rúa e que, sen dúbida, contribuirá a dinamizar a vida da cidade” explicou a delegada territorial, ao mesmo tempo que incidiu na idea de que o seu obxectivo é que “Galicia, e máis concretamente Ourense, soe como promotora cultural neste tipo de festivais que xa triunfan noutras cidades como Chicago, Roma ou París”.

O festival constará dun concurso a nivel nacional para que as persoas que queiran participar de maneira profesional e que cumpran os requisitos se inscriban antes do día 30 de maio na web www.pianomeeting.com; obradoiros para neófitos do piano e un concerto final, a modo de peche, na Praza Maior.
 

Comparte