Nova: Galicia difunde a súa literatura na Feira Internacional do Libro de Bos Aires

04/05/2017

Galicia difunde a súa literatura na Feira Internacional do Libro de Bos Aires

Os autores Antón Riveiro Coello, Inma López Silva, Andrea Maceiras, Sebastián G. Mouret e Luís G. Tosar participan desde a fin de semana en diversas actividades deste encontro de referencia que se celebra na capital porteña ata o 15 de maio

Galicia está presente nesta cita internacional desde a súa primeira edición

  • Inma López Silva é unha das autoras galegas que participa na feira

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017.- O sector editorial galego participa na nova edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que se celebra na capital porteña ata o próximo 15 de maio. Ademais de no posto de Galicia, a literatura galega tamén terá protagonismo na capital porteña a través do programa de actividades que se desenvolve estes días na feira, no que participarán desde este domingo día 7 e ao longo da semana que vén os escritores Antón Riveiro Coello, Inma López Silva, Andrea Maceiras e Luís G. Tosar, xunto co booktuber Sebastián G. Mouret.

Nun total de 12 actividades, que inclúen charlas, mesas redondas e presentacións de libros, as autoras e autores galegos darán a coñecer a súa obra e abordarán diversos temas de actualidade sobre os libros e a lectura no marco da cuadraxésimo terceira edición da feira, que en 2016 tivo como convidada de honra a cidade de Santiago de Compostela.

O Goberno galego, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras, promove a actividade de proxección exterior do libro galego na feira de Bos Aires, que contará nos próximos días co acompañamento institucional do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Galicia conta desde a primeira edición cun espazo nesta feira, promovido desde hai anos pola Goberno galego, que pon ao dispor das editoriais e dos escritores un posto para a difusión do libro e da literatura galega, así como para a realización de diversas actividades.

A axenda dos autores galegos

Precisamente, o posto de Galicia será o escenario da primeira das iniciativas dos autores galegos na feira, que manterán un encontro co público o domingo ás 18,00 horas (hora local). Ao día seguinte, o luns 8 de maio, Inma López Silva e Antón Riveiro Coello propiciarán un diálogo sobre O porqué da escritura, ao que seguirá, o martes 9, a charla Novos escritores, novos lectores, con Sebastián García Mouret e Andrea Maceira. Ese mesmo día, Riveiro Coello falará sobre A construción da memoria.

Todos os autores e autoras galegos desprazados a Bos Aires participarán o mércores na mesa redonda Escribir en Galicia hoxe e mañá. Nesa xornada, ademais, o booktuber Sebastián G. Mouret ofrecerá unha charla sobre as novas formas de lectura, en relación con internet, mentres que o xoves 11 de maio manterá un diálogo co público acerca da como a rede contribúe a promover a cultura.

Tamén o xoves, Inma López Silva e Antón Riveiro presentarán as súas obras Aqueles días en que eramos malas e Laura no deserto, respectivamente. A xornada completarase coa conferencia de Luís G. Tosar e o académico arxentino Antonio Requeni Xavier Bóveda, a aventura dun poeta galego ultraísta en Bos Aires, moderada polo presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure.

De cara a fin de semana próxima, a programación da feira contará, o venres 12, con varias presentacións de obras galegas. A primeira delas, Europa Express, de Andrea Maceiras, á que seguirá a presentación do libro Maternosofía, de Inma López Silva, que estará acompañada polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro. As actividades de Galicia na feira completaranse o sábado 13 coa participación de Mouret no Encontro booktubers.

Un encontro de referencia

As autoras e autores galegos terán oportunidade durante os próximos días de dar a coñecer a súa obra e a literatura galega na feira máis concorrida no mundo de fala hispana. Cunha superficie de máis de 45000 metros cadrados, esta cita co libro recibe a visita de máis dun millón de lectores e lectoras, e de máis de 12000 profesionais do libro durante as súas case tres semanas de duración.

Galicia, nas feiras internacionais do libro

Para favorecer a internacionalización do sector editorial de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación vén apoiando a participación do sector editorial galego nos principais citas internacionais do libro. En 2017, ademais da asistencia á de Boloña e á de Bos Aires, Galicia terá protagonismo nos encontros de Frankfurt (do 11 ao 15 de outubro) e de Guadalaxara (México, do 25 de novembro ao 3 de decembro), así como de Liber, Madrid (do 4 ao 6 de outubro).

Comparte