Nova: O Museo Centro Gaiás celebra os seus cincos anos cunha xornada lúdica
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
20/05/2017
O Museo Centro Gaiás celebra os seus cincos anos cunha xornada lúdica
Xogos tradicionais, música, obradoiros e exposicións durante todo o día
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017.- A Cidade da Cultura celebra hoxe sábado os cinco anos do Museo Centro Gaiás cunha xornada festiva para todos os públicos. Coincidindo coa celebración do Día dos Museos (que se conmemora o 18 de maio), o Museo Centro Gaiás acolle un programa de actividades de balde, entre as 12:30 e as 20 horas, que inclúe xogos tradicionais, música, obradoiros e exposicións.
A Cidade da Cultura convida a todos os seus usuarios e visitantes a festexar o vindeiro 20 de maio os cinco anos de actividade cultural no Museo, botando unha ollada á pequena pero consolidada traxectoria desta institución. Así, as exposicións serán o eixe central desta xornada festiva, destacando a oportunidade de coñecer máis polo miúdo a mostra actual: ‘Da árbore á cadeira’, unha viaxe emocional do bosque ao fogar que supón unha homenaxe ao deseño contemporáneo do moble con pezas de 37 creadores galegos. Ademais das visitas comentadas regulares, o público poderá descubrir a mostra a través de percorridos especialmente deseñados para participar en familia.
A exposición complétase neste día especial cunha exhibición de 33 cadeiras creadas por alumnos de deseño de Galicia. Un total de 11 centros educativos participarán nesta mostra que busca poñer en valor o talento dos nosos mozos e dar a coñecer o futuro do deseño industrial e do moble no noso país. Así, o visitante poderá admirar 33 prototipos elaborados desde o CIFP Ferrolterra, o IES de Melide, o IES de Ortigueira, o CIFP Politécnico de Santiago, a EASD Mestre Mateo de Santiago, o CIFP Politécnico de Lugo, a EASD Antonio Faílde de Ourense, o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, o IES de Salvaterra de Miño e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.
A mostra poderá visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 4 de xuño co obxectivo de dar a coñecer o traballo dos centros de Formación Profesional e das Escolas de Arte Superior e de Deseño que centran o seu labor nas artes da madeira e do moble como sector de futuro.
Cinco anos en carteis
Os participantes tamén poderán facer memoria a través dunha mostra cos principais fitos da pequena historia do Museo Centro Gaiás. O hall de entrada converterase nunha sorte de paseo polas actividades que marcaron a traxectoria desta institución a través dos seus carteis: desde a primeira mostra, Gallaecia Petrea, ata algunhas das actuacións máis recordadas como o concerto do músico Chick Corea ou Noa, así como as tres edicións do Galician Connection dirixido por Cristina Pato, ou espectáculos como Smashed.
Mais a participación será, como sempre, fundamental neste Día dos Museos. Para iso, a Cidade da Cultura ofrece un programa lúdico que inclúe varios obradoiros e xogos populares cun denominador común: a madeira. Así, desde primeira hora, pequenos e maiores poderán gozar con trebellos tradicionais como os zancos, os aros ou o andacamiños e xogos como a chave, os birlos ou o xogo da rá. Durante toda a tarde terán lugar tamén tres obradoiros para fomentar a creatividade dos máis pequenos: de papiroflexia, robots en cartón e de graffiti.
Finalmente, o programa do Día dos Museos complétase cunha sesión vermú amenizada por un DJ e na que se servirá un petisco tras un brinde colectivo polo futuro do Museo Centro Gaiás.