Nova: A Cidade da Cultura acolle en xuño Flor Novoneyra, o testamento pictórico de Lamazares
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
12/05/2017
A Cidade da Cultura acolle en xuño Flor Novoneyra, o testamento pictórico de Lamazares
O proxecto preséntase como a gran exposición dun dos pintores galegos con maior recoñecemento e proxección internacional
A nova exposición do Museo Centro Gaiás suporá o encontro destes dous xigantes da cultura galega
Lamazares constrúe unha antoloxía plástica cos versos de Novoneyra a través dun centenar de cadros nunca antes expostos
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017.- O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acollerá a partir de 2 de xuño Flor Novoneyra, unha ambiciosa exposición sobre un dos pintores galegos con maior recoñecemento e proxección internacional: Antón Lamazares (Lalín, 1954).
Este proxecto, que o propio artista do Deza define como o seu ‘testamento pictórico’, supón o encontro do pintor coa poesía de Uxío Novoneyra. “Quero que o meu testamento pictórico sexa Flor Novoneyra porque como el penso tamén que ‘inda é nova a Terra’ e que todo o importante que temos que dicir xa nolo ten dito ela”, explica Lamazares, quen pintou para esta exposición máis dun centenar de obras nas que transcribe versos do poeta do Courel empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental que o pintor bautizou con nome do seu pai.
Caligramas, voz e retratos
Ademais dos cadros de Lamazares, Flor Novoneyra exhibirá cincuenta caligramas do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na Literatura galega. A través dun espazo sonoro, o visitante reencontrarase tamén nesta exposición coa voz de Novoneyra, considerado un gran dicidor de versos. A mostra complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Lorente e cunha escolla de exemplares das súas obras.
Producida pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, a exposición está comisariada por María Díaz Rey, directora da galería About Art en Pontevedra, e conta coa colaboración da Fundación Uxío Novoneyra a través da implicación da viúva, Elba Rei; e dun dos fillos do poeta, que leva o nome de seu pai. O proxecto representa a proposta da Cidade da Cultura para a programación expositiva do verán e poderá visitarse desde o 2 de xuño ao 17 de setembro. Flor Novoneyra conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega.
Diálogo pintura e poesía
A exposición supón un diálogo entre pintura e poesía, “unha loita contra a extinción da cultura labrega en comuñón íntima e poética coa Terra”, en palabras da comisaria. Flor Novoneyra representa o encontro entre o pintor que quería ser poeta, como Lamazares se ten descrito ao longo da súa carreira, o co poeta namorado da pintura.
Case cinco décadas despois de que a súa aparición revolucionase a plástica en Galicia, Lamazares segue a ser hoxe un dos pintores galegos con maior proxección internacional. A súa obra, recoñecida dentro e fóra da comunidade, expúxose nos museos máis prestixiosos de España e en galerías internacionais de referencia. Influenciado polas vangardas, pintor-nómada que viviu en Nova York, París, Madrid e Berlín, a contorna rural que marcou a súa infancia no val do Deza deixou unha fonda pegada no seu imaxinario. O seu interese pola poesía e a súa relación de amizade con poetas son dúas constantes do seu universo creativo.
Uxío Novoneyra (1930, Parada de Moreda, Serra do Courel – 1999, Santiago de Compostela) representa unha das figuras de referencia das letras galegas. Á idade de 25 anos publicou ‘Os Eidos’ (1955), poemario considerado un dos cumios da Literatura galega. Esta obra, xunto a poemarios como ‘Tempo de elexía’, ‘Do Courel a Compostela’ ou ‘Poemas da doada certeza’ fan de Novoneyra unha das nosas voces imprescindibles da literatura galega e un dos grandes intérpretes da Terra e a súa lingua.