Nova: A II Semana da Música celebrará cinco concertos en cinco salas da Coruña
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
12/05/2017
A II Semana da Música celebrará cinco concertos en cinco salas da Coruña
Joana Serrat, Abe Rábade, Pablo Und Destruktion, Toundra e Nathan Fake actuarán en diferentes salas da cidade
A inciativa conta co apoio da Agadic e ofrece tamén debates e talleres, ademais de acoller o XII Congreso Estatal de Salas de Concertos
A Coruña, 12 de maio de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa organización da Semana da Música, que por segundo ano consecutivo reunirá na Coruña profesionais de toda España. Diferentes espazos da cidade acollerán do 12 ao 18 de xuño unha programación de obradoiros, charlas e debates, ademais dunha oferta de concertos e outras actividades culturais para o público xeral.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe no Jazz Filloa na presentación desta iniciativa, que promoven a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura e a Asociación Estatal de Salas Privadas de Música en Directo ACCES, co apoio de diferentes entidades públicas e privadas. Sutil felicitou a organización por repetir esta experiencia que, coa mirada posta nos profesionais do sector, “fai partícipe a toda a cidadanía da gran festa cultural que supoñen os concertos programados”, asegurou.
Sutil destacou a faceta profesional deste evento, que reunirá na Coruña os representantes dun colectivo integrado por intérpretes, compositores, discográficas, managers, distribuidoras, promotoras etc., que no caso de Galicia é “especialmente activo”. Referiuse expresamente ao papel clave dos locais que programan música en directo, cuxa situación será analizada no XII Congreso Estatal de Salas de Concertos que se celebrará durante esta Semana da Música.
O apoio da Agadic á iniciativa enmárcase na liña de traballo conxunto que vén desenvolvendo ao carón de Clubtura e no que destaca o calendario de concertos da Rede Galega de Música ao Vivo, que experimentou un incremento do 16 por cento no número de espectadores rexistrado en 2016 respecto ao ano anterior.
Cinco concertos en cinco salas
Pola súa banda, a organización da Semana da Música adiantou os que serán os principais eixos da súa segunda edición. En primeiro lugar, unha carteleira de cinco concertos que terán lugar en cada unha das salas coruñesas asociadas a Clubtura, organizados en colaboración co programa AIEnRuta, a Fundación SGAE e Son Estrella Galicia: Joana Serrat, o mércores 14 no Bâbâ Bar; Abe Rábade, o mércores 14 no Jazz Filloa; Pablo Und Destruktion, o xoves 15 na Sala Mardi Grass; Troundra e The Tyrell Corporation, o venres 16 no Playa Club; e Nathan Fake, o sábado 17 no Garufa Club,
A estas citas coa música en directo súmanse outras propostas culturais para o público xeral, como unha exposición de fotógrafos locais, unha conferencia sobre a arte do videoclip e a presentación do libro La cara oculta de la luna: las 50 portadas esenciales del rock, de Xavier Valiño.
En canto ao programa estritamente profesional, durante a II Semana da Música daranse a coñecer e se debaterán os últimos datos cuantitativos do sector das salas de concertos tanto a nivel español como europeo, entre outros aspectos que se abordarán nos diferentes talleres, charlas e mesas redondas do encontro.